O BNG esixe á Xunta que deixe de costear con cartos públicos os salarios dos capeláns nos hospitais

Montserrat Prado esixe que destine eses recursos á contratación de persoal sanitario.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, vén de rexistrar no Parlamento galego un paquete de iniciativas para esixir á Xunta que faga efectivo o principio de laicidade e aconfesionalidade recollido no ordenamento xurídico e deixe de costear con cartos públicos a denominada “atención pastoral” da igrexa católica dentro do Sergas, destinando estes recursos á contratación de persoal sanitario.

A deputada nacionalista Montserrat Prado. CEDIDA.
A deputada nacionalista Montserrat Prado. CEDIDA.

Prado critica que “mentres a sanidade pública galega sufriu distintos recortes, entre eles a eliminación de prazas e a non substitución doutras, o Sergas mantén capeláns con salarios a cargo da Administración pública nos hospitais galegos”. Así, recorda que nos orzamentos deste ano 2021 hai consignada unha partida de máis de 700.000 euros para abonar as nóminas dun total de 52 capeláns, cifras que, segundo recalca, non deixaron de medrar, dado que en 2013 eran 41 salarios e as retribucións totais ascendían a arredor de 500.000 euros”.

Neste sentido, a deputada nacionalista considera que a recente resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza -na que o alto tribunal rexeita que a relación que manteñen os capeláns no Sergas sexa laboral e que en ningún caso poden considerarse persoal laboral do mesmo por estimar esta actividade totalmente allea ao Servizo Galego de Saúde- “resulta moi clarificadora e reafirma a denuncia que vimos realizando dende o BNG de que con cartos públicos se estea costeando un servizo relixioso que debe quedar no ámbito estritamente privado”.

Para Prado, “a Xunta non debe seguir mantendo os privilexios da Igrexa católica na

sanidade pública e por iso reclamaremos no Parlamento que deixe de pagar as

nóminas destes 52 capeláns e destinar os máis de 700.000 euros que custan ao ano á

contratación de persoal sanitario”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta