Baltar, sobre o informe que critica os seus contratos 'a dedo': "creo nos profesionais da casa"

Defende a legalidade "absoluta" dos números da deputación despois de que o Consello de Contas vira "defectos graves" nos libros da Deputación, en parrticular nos seus contratos 'a dedo'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2021 | Actualizada ás 11:19

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, erixiu a súa xestión, co foco na "débeda cero" e a transparencia, no seu motivo de máximo "orgullo" desde que tomou as rendas da institución provincial, á vez que relativizou o contido do informe do Consello de Contas que ve "defectos graves" na contabilidade do órgano provincial correspondente a 2018.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, Baltar subliñou que este informe, que tamén incide na elevada porcentaxe de subvencións nominativas --é dicir, a dedo-- e contratos directos que se concederon na Deputación, "como todo informe non é máis nada que iso e admite alegacións", como as que fixo a institución. Ao tempo, proclamou a "legalidade absoluta" de todas as actuacións e que ningunha tivo "reparos" da Intervención ou outro servizo da administación.

"Nunca tiven que ir a un pleno e levantar un reparo", sentenciou, antes de reivindicar o labor que fai "o persoal da casa". "Creo nos profesionais da casa", recalcou, antes de lamentar que, cando algún dos seus rivais políticos "fala e ataca" o que fai é cuestionar a "uns funcionarios con habilitación nacional que traballan aquí". "E que tamén son responsables de que esteamos a liderar en transparencia aos gobernos provinciais de España", apostilou.

"Eu limítome a xestionar. Os resultados están aí e a legalidade é absoluta. Outros se dedicarán a facer barullo con isto. Eu son un colaborador leal de todas as institucións e un presidente de deputación que sempre comparece na comisión (de economía) do Parlamento e non como outros", engadiu, en referencia, aínda sen mencionala expresamente, á socialista Carmela Silva, titular da Deputación de Pontevedra, que non acode.

Acerca de se, en todo caso, prepara algún plan para reducir axudas nominativas ou contratos directos, replicou que este tipo de vías utilízanse en "todas" as administracións, desde a autonómica á central. A diferenza, defendeu, é que a Deputación ourensá é "tan transparente e aberta" que dá a coñecer os datos, mentres que doutras, aínda que se quixese fiscalizar, "non habería esa opción".

E a continuación, proclamou que a "concorrencia competitiva" é "unha das máximas" da institución que preside, ademais de subliñar que se conceden axudas e coopérase con municipios "de todas as cores".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.. DEPUTACIÓN DE OURENSE
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.. DEPUTACIÓN DE OURENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O Tribunal de Contas tamén falaba das contratacións do Concello de Vigo, e o mesmo día Abel compareceu en rolda de prensa anunciando que acaba de aprobar en Comisión de Goberno unha nova lexislación para as contratacións no Concello ! Tamén condearon por prevaricación a un funcionario do Concello... do que nunca máis soubemos, só que segue recurrindo a sentenza e cobrando como se non pasara nada ! Máis que Tribunal de Contas debera chamarse Tribunal de Contos !