Científicos relacionan a contaminación atmosférica coa incidencia e gravidade da covid-19

Tamén atoparon asociación entre as intrusións de po sahariano e o aumento de contaxios e hospitalizacións polo coronavirus SARS-CoV-2. Outro estudo detalla como mellorou a calidade do aire en Vigo e A Coruña durante o confinamento.

Por Alberto Quian | Madrid | 17/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha das liñas de investigación menos coñecidas polo público sobre a pandemia da covid-19 céntrase na contaminación do aire e a súa posible relación coa incidencia e gravidade da infección. Desde practicamente o inicio da crise sanitaria, científicos de todo o mundo veñen publicando investigacións que suxiren unha posible relación causal entre a mala calidade do aire que respiramos e un maior impacto da enfermidade causada polo coronavirus SARS- CoV-2.

Unha densa capa de contaminación no aire apenas deixa ver o tráfico nunha autoestrada
Unha densa capa de contaminación no aire apenas deixa ver o tráfico nunha autoestrada | Fonte: Europa Press.

A comunidade científica manexou principalmente dúas hipóteses: a primeira investiga se as propias partículas contaminantes son capaces de transportar de forma viable o virus, favorecendo a súa difusión e podendo aumentar os contaxios; a segunda céntrase no maior risco cardiorrespiratorio que teñen as persoas expostas de forma habitual a altos niveis de contaminación do aire, o que podería complicar o desenvolvemento da enfermidade causada polo novo coronavirus.

No Instituto de Salud Carlos III, en Madrid, levan meses estudando esta posible relación entre contaminación do aire e incidencia e propagación da covid-19 e do SARS-CoV-2. Nunha nova achega, os científicos explican que os resultados dos seus estudos “demostran que a contaminación química do aire, especialmente o dióxido de nitróxeno (NO2), está relacionada coa incidencia e gravidade da covid-19 en España”.

Non só iso. Na súa investigación observaron, ademais, que as intrusións de po sahariano, comúns na península ibérica, tamén inflúen na incidencia da covid-19 e nas taxas de ingresos hospitalarios por esta enfermidade.

A concentración diaria de dióxido de nitróxeno é a variable contaminante máis frecuentemente relacionada coa evolución da covid-19, tanto nos contaxios novos rexistrados como no número de ingresos hospitalarios

Contaminación por gases
Contaminación por gases | Fonte: DUVI.

Existe suficiente literatura científica para suxerir que as intrusións do po sahariano no sur de Europa aumentan as concentracións de partículas en suspensión no aire (PM) e outros contaminantes, e contribúen ao empeoramento de múltiples patoloxías. Pero “poucos estudos examinaron se as intrusións do po sahariano inflúen na incidencia e gravidade dos casos de covid-19”, indican os autores deste traballo.

Para abordar estas cuestións, os científicos analizaron posibles relacións entre as taxas de incidencia e os ingresos hospitalarios diarios por covid-19 coas concentracións diarias medias de tres indicadores da contaminación atmosférica; dióxido de nitróxeno (NO2), ozono (O3) e PM10 (partículas en suspensión de menos de 10 µm de diámetro, que son as que presentan unha maior capacidade de acceso ás vías respiratorias e, polo tanto, maior afección ás mesmas).

Fixérono con datos de nove provincias doutras tantas comunidades autónomas, entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020: A Coruña, Biscaia, Zaragoza, Madrid, Málaga, Sevilla, Valencia, Las Palmas de Gran Canaria e Palma de Mallorca.

Os investigadores calcularon, ademais, o impacto dos días con e sen advección de po sahariano en intervalos de 0 a 7 días, de 8 a 14, de 15 a 21 e de 22 a 28 días, co obxectivo de analizar o comportamento atrasado destas intrusións nos novos contaxios e hospitalizacións por covid-19.

A maior porcentaxe de días con intrusión de po sahariano rexistrouse nas Palmas de Gran Canaria (44,7%), Málaga (40%), Sevilla (27,2%) e Valencia (26%), e os niveis máis baixos déronse en Bilbao (12,9%) e en Palma de Mallorca (12,2%), mentres que na Coruña o número de días con intrusión de po sahariano no período non foi significativo para a análise, pois foi inferior ao límite establecido para consideralo substancial para o estudo: unha intrusión en polo menos un 10% dos días.

En todas as áreas consideradas, os valores de PM10 foron maiores nos días con intrusións de po do Sáhara que nos días sen po, cunha diferenza “estatisticamente significativa en todos os casos”, subliñan.

As concentracións de ozono tamén foron maiores “con significación estatística” os días de intrusións de po norteafricano en todas as rexións analizadas, agás en Las Palmas de Gran Canaria e Palma de Mallorca.

Pero a concentración diaria de NO2 foi a variable de contaminación atmosférica máis frecuentemente relacionada coa evolución da covid-19, tanto na incidencia (contaxios novos rexistrados) como no número de ingresos hospitalarios. De feito, as variacións no dióxido de nitróxeno aparecen relacionadas coa taxa de incidencia da covid-19 en oito das zonas analizadas, mentres que a concentración diaria media de PM10 semella ter unha relación coa incidencia da enfermidade en catro, ao igual que o ozono.

"Cada vez hai máis evidencias de que a contaminación pode [...] danar o sistema respiratorio e reducir a resistencia a infeccións virais e bacterianas”

En relación aos ingresos hospitalarios por covid-19, o NO2 parece estar relacionado en seis das rexións, e o O3 e PM10 en tres. E os riscos relativos para concentracións de NO2 foron maiores que para PM10 e O3 en todas as rexións, tanto na taxa de incidencia como na de ingresos hospitalarios.

A maior asociación entre as concentracións de NO2 e as taxas de incidencia da covid-19 e ingresos hospitalarios por esta enfermidade, segundo os investigadores, correspóndese co feito de que “o impacto na mortalidade a curto prazo en España é maior para NO2 que para PM10”, e a que “a mortalidade atribuíble a curto prazo en España por ozono é inferior á correspondente a NO2 e PM10”, como recollen algúns estudos.

Para as variables meteorolóxicas, a temperatura máxima e a humidade absoluta media relacionáronse cunha taxa de incidencia negativa en seis das áreas analizadas, mentres a temperatura máxima só se asociou con menos hospitalizacións nunha das zonas e a humidade absoluta media, en tres. Os valores do risco relativo asociados co factor humidade foron, en números absolutos, más altos que para a temperatura máxima en todas as rexións.

Polo tanto, hai unha relación negativa entre as variables meteorolóxicas e as da covid-19. “É dicir, as temperaturas baixas e húmidas están relacionadas con maiores taxas de incidencia”, expoñen.

Para os autores, “un dos resultados relevantes deste estudo é a asociación producida entre as variables contaminantes NO2, PM10 e O3, e as variables covid-19”. Isto, din, podería explicase por dous mecanismos biolóxicos.

Por unha banda, comentan, “está claro que a contaminación atmosférica afecta á saúde humana”, como xa teñen demostrado múltiples estudos e informes, e máis concretamente, demostrouse que a contaminación do aire ambiente, incluídos os contaminantes potencialmente nocivos como as partículas pequenas e os gases tóxicos emitidos por industrias, vivendas e medios de transporte, empeora as infeccións respiratorias virais.

“Os contaminantes atmosféricos poden influír no sistema inmunitario e afectar a súa capacidade para limitar a propagación de axentes infecciosos" 

Os autores sinalan tamén a existencia de estudos que asociaron importantes concentracións de contaminantes atmosféricos cunha maior mortalidade en pacientes hospitalizados e habitantes dun lugar, “con efectos variables sobre enfermidades respiratorias agudas, cardiovasculares e cerebrovasculares graves”, e que se agravan a maior idade. “Así, a contaminación atmosférica empeora o mesmo tipo de patoloxía nos mesmos grupos de idade vulnerables que son afectados de xeito máis grave por SARS-Cov2”, engaden.

Outro mecanismo que pode interactuar, na súa opinión, é “o feito de que a contaminación do aire debilita o sistema inmunitario a curto prazo”. De feito, proseguen, “cada vez hai máis evidencias de que a contaminación pode causar estrés oxidativo, dando lugar á produción de radicais libres, que á súa vez poden danar o sistema respiratorio e reducir a resistencia a infeccións virais e bacterianas”.

Os expertos sinalan estudos que probaron que “os contaminantes atmosféricos poden influír no sistema inmunitario e afectar a súa capacidade para limitar a propagación de axentes infecciosos como o virus respiratorio sincitial”, e outros nos que se observou que a exposición a curto prazo a PM2.5 [partículas inhalables de diámetros de 2,5  micrómetros ou menos] podería estar implicada en trastornos e enfermidades inmunolóxicas.

PO DO SAHARA

Por último, observaron que a intrusión de po sahariano se asocia coa taxa de incidencia en sete das áreas analizadas e cos ingresos hospitalarios en cinco. E para o risco relativo asociado, os valores destas intrusións norteafricanas foi maior que os atopados para o resto de variables independentes analizadas.

“Os días con intrusión de po sahariano producen un aumento xeneralizado na taxa de incidencia e, en particular, nos ingresos hospitalarios por covid-19”

“Alén do papel da contaminación atmosférica ou das variables meteorolóxicas”, os científicos apuntan a que “os días con intrusión de po sahariano producen un aumento xeneralizado na taxa de incidencia e, en particular, nos ingresos hospitalarios por covid-19”.

Con base nos resultados de estudos previos sobre partículas en suspensión, en relación cos mecanismos do coronavirus, os investigadores cren que “non é razoable falar de PM10 como vector de SARS-CoV-2”. De feito, aclaran, “os resultados atopados no noso estudo, cun efecto moi curto nalgúns casos, mesmo inferior ao período de incubación do virus de 5,2 días, non admite a hipótese de que o PM poida actuar como vector do virus”.

“Pola contra”, din, “estes resultados apuntan á posibilidade de que os días coa advección do po sahariano poidan agravar as condicións cardiovasculares e respiratorias, como se suxire noutros estudos”.

Os investigadores lembran que “as intrusións de po sahariano contribúen significativamente ao aumento dos niveis de PM10 na conca mediterránea, o que significa que as concentracións deste contaminante experimentan un aumento importante mesmo nas estacións de medición da contaminación atmosférica urbana e, especialmente, en lugares como Las Palmas de Gran Canaria, onde hai practicamente un triplo aumento de PM10 os días con po sahariano”, explican.

Pero os días con intrusión de po sahariano, como explican varios estudos, non só producen aumentos nas concentracións de PM10, senón tamén nas doutros contaminantes atmosféricos, como o O3.

Os autores recordan que na maioría dos pacientes graves por covi-19 se observou o que se coñece como tormenta de citoquinas, unha resposta inflamatoria descontrolada e xeneralizada do sistema inmunolóxico e potencialmente mortal.

“Actualmente, non se sabe con precisión que mecanismos ambientais poderían contribuír a iniciar unha tormenta de citoquinas nalgúns pacientes e non noutros. Desde o punto de vista inmunolóxico, a presenza do po sahariano, xunto con outros factores endóxenos en cada paciente (perfil xenético, idade e outros factores aínda non claros), poderían apoiar a iniciación deste grave proceso”, reflexionan os científicos.

Nesta liña, lembran que “algúns estudos de toxicoloxía experimental en ratas demostraron que o cuarzo, a sílice, o aluminio e os óxidos contidos no po do deserto provocan inflamación dos bronquios e pulmóns das ratas debido á hiperprodución de citoquinas”, polo que non descartan que o po sahariano puidese ter algunha influencia nos casos de enfermos graves con covid-19 que estiveron expostos a esas intrusións de po norteafricano.

O seu estudo, insisten, mostra un “aumento na incidencia e gravidade da covid-19 en relación coas intrusións de po do Sáhara”. 

“A frecuencia das adveccións de po do Sáhara varía entre o 9,6% dos días na rexión noroeste [Galicia] e o 30,1% na sueste”

Como explican Julio Díaz e Cristina Linares, da Escuela Nacional de Sanidad, no Instituto de Salud Carlos III, e coautores deste estudo, “as adveccións de po do Sáhara son relativamente comúns en España, a súa frecuencia de aparición varía entre o 9,6% dos días na rexión noroeste [Galicia] e o 30,1% na sueste, pasando polo 18,2% na central e o 22,4% nas illas Canarias”. Polo tanto, Galicia está na zona menos afectada por estas intrusións de po sahariano.

“Na Península, estas intrusións están presentes en todas as épocas do ano e varían segundo as distintas rexións, pero como regra xeral, tenden a producirse con máis frecuencia nos meses de xuño, xullo e agosto e as intrusións son menos nos meses de inverno. Pola contra, as Illas Canarias tenden a mostrar unha maior frecuencia de eventos no inverno e menos no verán, e nas Illas Baleares as frecuencias máis altas de intrusión prodúcense de abril a outubro”, explican.

Estes eventos poden ter consecuencias para a saúde humana, xa que, “en xeral, cando se produce unha intrusión de po de orixe sahariano hai un aumento estatisticamente significativo das concentracións do material particulado, cun aumento estatisticamente significativo das concentracións de PM10 e PM2.5”, que “nalgúns casos poden chegar a incrementos do 110% no caso de PM10 ou 104% para PM2.5”, detallan.

CONSELLOS

En definitiva, “os resultados deste estudo demostran que a contaminación química do aire, especialmente o NO2, está relacionada coa incidencia e gravidade da covid-19 en España”, e que “as intrusións do po sahariano teñen un efecto máis aló do que se lle pode atribuír á contaminación atmosférica”, conclúen os autores do estudo.

Na súa opinión, estes resultados deberían ser útiles para adoptar medidas de saúde pública que “poderían incluír avisos a grupos de poboación especialmente vulnerables como persoas maiores e persoas con patoloxías anteriores, recomendándolles que limiten a súa exposición en ambientes ao aire libre”, de xeito que se emitan alertas para minimizar a exposición desa poboación os días con advección de partículas do Sáhara.

Por outra banda, cren necesario “habilitar medidas para reducir as emisións de contaminantes atmosféricos de orixe antrópica [humana], que aumentan cando hai intrusións de po do Sáhara, como PM10 e NO2 (precursor do ozono)”.

MÁIS EVIDENCIAS

Outros estudos recentemente publicados mostran tamén unha asociación entre a contaminación do aire ambiente e peores resultados da covid-19.

Por exemplo, un traballo publicado en Annals of the American Thoracic Society, en abril deste ano, no que se revisou a investigación sobre posibles relacións entre a contaminación, os virus respiratorios e o impacto na saúde, afirma que “unha multitude de estudos demostran que a exposición a longo prazo a un aumento da contaminación do aire ambiente está asociada a un maior risco de infección e morte por covid-19”.

“Historicamente, a contaminación atmosférica foi asociada a peores resultados de saúde, incluíndo maior mortalidade, doutros virus respiratorios, como a gripe. Agora, novas investigacións sobre a covid-19 engaden máis evidencias dos efectos adversos da contaminación atmosférica e a necesidade urxente de abordar a crise de contaminación en saúde pública”, advirten os autores deste traballo.

“A covid-19 é un toque de atención” que nos debe levar a aplicar políticas que permitan manter un “aire máis limpo”

Tendo en conta que se dá como probado que a exposición prolongada á contaminación atmosférica pode danar o sistema inmunitario, e que se asocia a maiores taxas de enfermidades cardíacas e trastornos metabólicos como a diabetes, non semella desatinado pensar que esta pode provocar maior susceptibilidade ao novo coronavirus e agravar a covid-19, como propoñen tamén os investigadores do Instituto de Salud Carlos III.

“A pandemia de covid-19 puxo de manifesto as consecuencias xeneralizadas da contaminación atmosférica para a saúde, incluídos os efectos agudos sobre as defensas inmunes respiratorias e os efectos crónicos que conducen a un maior risco de enfermidade cardiopulmonar crónica e síndrome de dificultade respiratoria aguda”, apuntan.

“Estes efectos crónicos sobre a saúde probablemente explican o aumento da mortalidade por covid-19 entre as persoas expostas a un aumento da contaminación atmosférica”, conclúen.

Por iso tamén consideran que “a covid-19 é un toque de atención” que nos debe levar a aplicar políticas que permitan manter un “aire máis limpo” nas zonas habitadas, con normas “máis estritas” para “acabar coa nosa tolerancia coa contaminación”, sobre todo “en barrios desfavorecidos”. Na súa opinión, na era postpandemia “debemos limpar o aire para mellorar a saúde respiratoria e a igualdade en todo o mundo”.

CALIDADE DO AIRE EN VIGO E A CORUÑA

Outro estudo publicado tamén en abril avaliou a calidade do aire durante as primeiras semanas de confinamento total en Vigo e A Coruña. Os resultados mostran que os niveis globais de contaminantes atmosféricos foron máis altos durante o período 2018-2019 que durante o período de bloqueo pola pandemia de covid-19.

Neste caso a investigación foi realizada por investigadores, do Grupo de Química Analítica Aplicada do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas na Universidade da Coruña, e da Rede de Calidade do Aire de Galicia (MeteoGalicia), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta.

Os científicos analizaron datos sobre o cambio na calidade para as dúas principais cidades de Galicia, durante as cinco semanas de confinamento (do 14 de marzo ao 20 de abril de 2020). E compararon eses datos cos rexistrados en cada urbe para o período previo inmediato ao peche (do 7 de febreiro ao 13 de marzo de 2020) e con rexistros históricos dos dous últimos anos anteriores a 2020.

As caídas máis importantes producíronse en óxido de nitróxeno, dióxido de xofre, monóxido de carbono, PM10, PM2,5 e carbono negro

As análises mostraron que as concentracións de case todos os contaminantes “diminuíron constantemente durante o período de bloqueo con significación estatística, con respecto ao período de bloqueo previo”, algo que “era de agardar”, din. As caídas máis importantes producíronse en óxido de nitróxeno, dióxido de xofre, monóxido de carbono, PM10, PM2,5 e carbono negro.

Así, observaron “grandes reducións de contaminantes relacionados principalmente coa combustión de combustibles fósiles, o tráfico rodado e as emisións de transporte”. Pola contra, as concentracións de ozono aumentaron.

Con todo, apuntan que “debido aos aumentos da queima de biomasa agrícola e doméstica durante o bloqueo, os niveis de PM2,5 e monóxido de carbono reducíronse menos do esperado”.

Con estes e outros estudos publicados, a pregunta é: tería sido máis grave o impacto da covid-19 de terse mantido os mesmos niveis de contaminación atmosférica previos ás restricións sanitarias? Todo apunta a que moi probablemente si.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta