A violencia vicaria

O arrepiante crime da illa canaria de Tenerife amosa a necesidade de comprendermos o concepto de violencia vicaria ou violencia por persoa interposta, definida pola psicóloga clínica e forense Sonia Vaccaro como aquela exercida polo home violento contra os fillos e fillas para danar á nai.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 13/06/2021

Comparte esta noticia

O cesamento da convivencia xerado polo divorcio ou separación entre a antiga parella afasta  moitas veces (non todas as precisas, por desgraza) á muller do control do home violento, afastamento que, ás veces, reforzase, a medio de medidas xudiciais como as ordes de protección ou administrativas ou os subsidios para a inclusión social e  empregabilidade das mulleres maltratadas (salario da liberdade), que foron incluídas na Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, aprobada no 2007 polo pulo do vicepresidente e da secretaria xeral de Igualdade da Xunta, os nacionalistas  Anxo Quintana e Carme Adán.  Unha lei a respecto da que se está a debater no Parlamento deste país  unha proposta de reforma  do BNG ampliando o concepto de vítima da violencia machista á vítima de violencia vicaria.

Olivia e Anna e Antonio Gimeno, suposto asasino das súas fillas
Olivia e Anna e Antonio Gimeno, suposto asasino das súas fillas

Neste contexto, coa potencial vítima da violencia machista máis ou menos afastada da súa antiga parella, ésta (o home violento) aproveitará a única fiestra de relación con ela: a relación cos fillos e fillas comúns, chegando nalgúns casos, como os recentes crimes de Tenerife, Carmona ou Moraña, ao asesinato dos fillos coa finalidade de lle xerar un dano psicolóxico irreversíbel á nai. Un dano “aló onde máis lle doe” que vai continuar todos os días da súa vida. Velaí a certa coincidencia temporal entre o asesinato da/s crianza/s e o suicido do home violento, nunha caste de cruel sinatura do seu máis sobranceiro proxecto vital: causar o peor dano á súa antiga parella.

Mais a violencia vicaria non se desenvolve sempre en termos tan extremos, senón que existen outras formas menos graves que tamén están dirixidas á xeración dese dano psicolóxico continuo á antiga parella: o adiamento e falla de pagamento de pensións alimenticias por país que poden facelo, o maltrato continuado, malia que aparentemente menor dos menores no tempo de visitas ou custodia partilllada (alimentación curta, repetitiva, pouco variada  ou desaquelada dietéticamente, falla de atención ás necesidades de vestido e hixiene, abandono consciente e innecesario dos fillos ao coidado de terceiras persoas…).

É precisa, pois, unha formación integral nas cuestións atinxentes á violencia machista e, en xeral, ás cuestións de xénero, das persoas que desenvolven roles neste eido (xudicatura, avogacía, psicoloxía forense, traballo social forense…) para evitarmos que os homes violentos poidan usar do seu poder sobre os fillos, nomeadamente nas tempadas de visitas e comunicación ou de custodia partillada, de xeito que avogados e xuizas sexamos quen de identificar as condutas de maltrato machista que xustifiquen, con total suxeición aos principios de proporcionalidade  e presunción de inocencia, a suspensión ou privación do dereito de visitas ou custodia partillada desta caste de homes violentos coas súas crianzas para evitarmos traxedias evitábeis como a de Tenerife.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.