Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2021 | Actualizada ás 21:50
O mes de xuño marca o inicio do longo verán para os estudantes de bacharelato que, xornadas atrás, remataron as probas de acceso á universidade; pero tamén o comezo dun proceso de selección que, para moitos, está enchoupado de dúbidas e incertezas. Que carreira estudar? Onde facela? A difícil decisión podería vir solventada da man dos doce novos títulos cos que as universidades galegas contarán para o vindeiro ano 2020/21.
Os títulos, que veñen de ser aprobados polo Consello Galego de Universidades, comprenden un total de tres novos graos, oito mestrados e un programa de doutoramento. Destes graos, que son os que poden interesar ao estudante que vén de rematar as probas marcadas pola CIUG, un atópase na UVigo, outro na USC e o restante na Universidade da Coruña.
No caso vigués, tratarase dun grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española coa cal a institución olívica reforza a que é unha das súas grandes bazas de cara á competencia autonómica e estatal: a súa forte oferta filolóxica. A achega sera distinta na USC, onde destacará o novo grao en en Xestión Cultural; así como os mestrados universitarios en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais, este derradeiro impartido de forma conxunta coa Universidade do Minho.
Por último, na UDC a oferta será ampliada cun grao característico das cidades que reparten o seu campus, A Coruña e Ferrol. Tratarse do Grao en Máquinas Navais, que se sumará á oferta xunto co Máster Universitario en Xerontoloxía; este último compartido coa Universidade de Santiago de Compostela. Á parte, na UDC veñen de recibir o visto bo para crear a Escola Politécnica de Enxeñaría no Campus de Ferrol e a Facultade de Turismo no Campus da Coruña
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.