O custo de pescar sardiña en Galicia... moitas cotas e prezos baixos

É o prato referente do verán en todo o litoral galego mais detrás del hai unha serie de políticas destinadas, en principio, á súa conservación. Os prezos pagados en lonxa non son suficientes segundo os armadores, tendo en conta o incremento dos prezos no mercado. Outro tema son as cotas de capturas para evitar a sobrexplotación así como a degradación do litoral que poden influír na conservación dos bancos pesqueiros ou non.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/06/2021 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

As festas do San Xoán levan implícitas as sardiñadas, un sinal que anuncia o verán tanto en localidades do litoral como do interior. A especie Sardina pilchardus é para moitas lonxas unha das principais fontes de ingresos desde maio a setembro. Como todas as especies peláxicas estivais, as primeiras descargas son as mellor pagadas, logo dos primeiros quince ou vinte días, os prezos en lonxa van diminuíndo e flutúan entre o euro por quilogramo aos 90-80 céntimos  por quilogramo. Por outra parte, a subsistencia da especie tamén estivo en risco logo duns anos cunha importante baixa nas capturas. Tanto biólogos como mariñeiros cren que o comportamento cíclico da especie, así como o deterioro do litoral nalgunhas áreas influíron negativamente na explotación deste peixe. Entre as solucións postas en práctica para a protección da sardiña e a súa pesca están as cotas de captura por barco e día, e a creación de reservas mariñas onde non se exerza a pesca para a súa reprodución e recuperación.

Sardiñas incautadas en Porto do Son
Sardiñas incautadas en Porto do Son | Fonte: Xunta de Galicia.


PREZOS E CAPTURAS

Segundo Andrés García, responsable da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (ACERGA), o número de barcos dedicados á pesca da sardiña en toda a costa galega sería de 152 buques con tripulacións de oito a doce mariñeiros. En total poden estar vivindo desta pesca sobre 1.500 persoas cun salario de 100-150€ por día segundo Isaac Gaciño, patrón maior de Portosín. A pesca faise de luns a venres, con algúns barcos realizando dúas descargas se non chegaron á cota máxima de capturas na primeira descarga.

As cotas, ou topes máximos de captura, están fixadas entre os 1.200 máximo para buques de até 8 tripulantes e os 1.800 quilogramos máximos para embarcacións con tripulacións maiores. Aínda así, os armadores consideran que “estas capturas están moi por debaixo das que se facían hai sete anos” di Andrés García. “As limitacións en capturas responden ás cifras estipuladas nos TACs fixados dentro da UE para diferentes especies pesqueiras” di Xandro García, biólogo mariño.

Ademais de ter que xogar coas cotas, a pesca da sardiña sofre unha flutuación de prezos que vai mermando segundo se achega o outono. De maio até setembro, os prezos en lonxa van decaendo ante o aumento de stock, pola contra, o mercado pode estar ofrecendo ao público produto baixo prezos moito máis elevados. Segundo Isaac Gaciño “os prezos poden ir dun euro por quilo en lonxa e logo de dous para arriba no mercado”. “Agora mesmo non é o mellor momento por culpa da pandemia polo estado da hostalaría en xeral” di Andrés García.

Barco do cerco, arte usada para pescar sardiña
Barco do cerco, arte usada para pescar sardiña | Fonte: cedida

“Sobre os prezos poderían terse en conta tamén criterios sociais, como permitir un aumento de cota en certas tempadas cando a demanda é maior, por exemplo na semana do San Xoán e outras datas significativas” di Xandro García. Na lonxa de Vigo a día 15 de xuño de 2021 o prezo máximo por quilogramo de sardiña está en 1,55€ e 0,90€. A xouba ou parrocha (sardiña pequena) oscilaba entre 2,96€ e os 0,80€ por quilogramo.

A Consellería de Mar sinala que os prezos da sardiña durante os últimos anos “están condicionados en boa medida polas restricións vixentes para a captura da especie”. O departamento de Rosa Quintana atribúe á aplicación de TAC uns “prezos máis altos nas épocas de maior demanda ante a falla de oferta pola escaseza de capturas dadas as limitacións impostas”. Con todo, remarcan desde Mar que se segue “a mellorar a situación da especie e se incrementan as posibilidades de captura, como ocorreu este ano”, os prezos moderen en relación cos últimos exercicios “por haber máis recurso dispoñible no mercado para atender a demanda”.

ESPECIE EN PERIGO?

Os TAC están máis relacionados coa xestión da especie, sería unha solución para facilitar a recuperación da especie ano tras ano, para iso faise un cálculo de toneladas que permita manter o recurso no tempo” di Xandro García. O aumento da frota pesqueira podería estar detrás da baixa en capturas? “Non creo, a cantidade de peixe capturado cada vez é menor, hai vinte ou trinta anos as capturas eran máis abundantes, creo que isto ten que ver coa saúde do mar”.

“Os topes de pesca existen desde hai anos, non creo que detrás de épocas de baixa captura estea a sobrexplotación da especie” di Andrés García. “Estamos seguros de que a especie se está a recuperar”. “Hai anos a especie estivo vedada isto trouxo a mellora dos caladoiros” di Isaac Gaciño.  Cal foi o motivo desta veda, o exceso de capturas?

“De primeiras pensouse que si, mais logo os estudos dos biólogos mariños detectaron a falta de zooplancto” di Gaciño. O zooplancto é o alimento base da sardiña. “A sardiña é unha especie cíclica, ten picos altos e baixos, todo depende das condicións do mar e das reservas de alimento para este peixe” din desde ACERGA. “O mar ten uns ciclos, mesmo ten un ciclo global que si pode influír na presenza de diferentes especies, e aínda que non desbotaría o cambio climático, tamén existen factores como a presión urbanística sobre a costa” di Xandro García.

A Consellería de Mar apunta que a pesca de sardiña se regula de acordo co plan de recuperación deseñado por España e Portugal para esta especie, “pois non está suxeita a totais admisibles de capturas (TAC)”. Ese plan, din desde a Consellería,  foi incrementando nos últimos anos as posibilidades de pesca de acordo coa mellora da situación do recurso, tal e como apuntan tanto o Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) como o propio sector.

Mar insiste en que nestes momentos a situación da pesqueira é boa, “lonxe dos niveis que levaron a poñer en marcha o plan de recuperación do recurso, pois a biomasa de peixes dun ano ou máis está por riba do rendemento máximo sustentable (RMS) por primeira vez desde 2009” e o recrutamento é o máis alto desde 2004 de acordo cos datos publicados polos científicos do propio CIEM.

A captura da sardiña é un indicador do estado en que está o mar nestes momentos, por unha parte. Por outra parte, o rendemento da súa captura é estacional, polo que os mellores ingresos aparecen durante as primeiras semanas despois de levantar a veda. Os prezos van minguando nas lonxas mais non así no mercado, onde este peixe pode incrementar os seus custes dependendo do lugar onde se comercialice, así podería variar desde un incremento do 14% ao 50%. Por último, e aínda que os ciclos do mar xogan moito na aparición da sardiña en maior ou menor número, o certo é que tamén a presión no litoral e a contaminación do mar xogan en contra desta especie, e por tanto, da economía de numerosas poboacións costeiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta