Prestige, si, claro, pero volveu gañar o PP

Nos días seguintes á sentencia do Prestige, esa que nos canoniza como non-país ou como paisiño ou, sen máis, como xente sen autoridade, na concentración de rexeitamento pola mesma, sentía o baleiro claro do desconcerto. Porque alí estabamos (falo da de Vigo), segundo as crónicas unhas 2000 persoas protestando, nunha cidade á que lle gusta presumir de que anda polo medio millón de habitantes. Pensei: que pouquiños somos. E entre nós, a xente pasaba arriba e abaixo, pola rúa do Príncipe, facendo as súas compras, alleas ao balbordo e á causa que o provocaba.

Por Francisco Castro | Vigo | 27/11/2013

Comparte esta noticia
En realidade, si, eramos moi poquiños. Facemos moito ruído, si. Nas manis e nas redes sociais. Nos xornais dixitais que seguimos e que escribimos e que mantemos como podemos. Pero somos catro. Por iso a nosa representación electoral tamén é a que é. E moitas veces coidámonos os reis do mambo e, a nada que botemos contas, decatámonos de que somos nadiña e que, xa que logo, igual é que o país pasa de todo, ou pasa de nós ou é que se merece o que lle pasa.
 
Porque claro, o petroleiro estragou (ou non, segundo a sentenza igual non estragou nada e foi todo unha montaxe dos de Nunca Máis para acabar con Fraga) milleiros de quilómetros de costa. Pero, nesa costa, pouco despois, vai e gaña o Partido Popular. Vouno dicir a modiño: na meirande parte dos lugares afectados polo chapapote gañou o Partido Popular, é dicir, aos que se consideraba responsables do desastre pola súa mala xestión do accidente. Gañaron. Eles. Os mesmos que xa estaban. De novo. O pobo que en teoría sufriu as consecuencias da agresión ecolóxica (que igual nunca sucedeu e foi un mal soño colectivo, segundo a sentenza, reitero), deulle a maioría de novo aos señores de sempre.
 
Así que a fin de contas igual non hai que queixarse.
 
E non me veñades con que foi a base de diñeiro público inxectado neses sitios polo que gañaron. Porque se foi por iso, case que mo poñedes peor. Non só non se castiga electoralmente aos que fixeron tanto mal. É que, ademais, cun par de galdrumadas (ou con millóns de euros, tanto me ten) este pobo deixa que se lle compre a súa vontade sen opoñer moita resistencia.
Todo o que veño de escribir máis enriba é duro e incluso dunha incorrección política abraiante.
Mais sabemos que é a verdade.
 
Aínda que nos doa.
É o pobo galego quen elixe esta situación.
Non hai culpables.
As cousas son así.
Xa está.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro