Os "agravios" de Endesa no Parque Natural do Eume: "fan o que lles peta co río"

Adega carga contra o plan da empresa para instalar milleiros de eucaliptos e recorda anteriores "incumprimentos", como o episodio de turbidez que a Xunta tentou explicar aludindo a causas "naturais" e rematou sendo culpa da empresa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

A comarca do Eume eríxese como unha das zonas de Galicia de maior valor ecolóxico e paisaxístico. Non en balde, as súas coñecidas Fragas atópanse entre os seis espazos que, na comunidade, teñen recibido a distinción de parque natural. A especial calidade dos seus monte e demais escenarios, con todo, levaríanse vendo ameazados durante décadas pola actividade dunha empresa moi implantada na área: Endesa.

Instalación de barreiras no río Eume no verán de 2020 trala aparición de verteduras que obrigaron a prohibir o consumo de auga en Pontedeume.. XUNTA
Instalación de barreiras no río Eume no verán de 2020 trala aparición de verteduras que obrigaron a prohibir o consumo de auga en Pontedeume.. XUNTA

Esa é a denuncia que vén de realizar a plataforma ecoloxista Adega a raíz do último anuncio da empresa enerxética que naceu como corporación pública do Estado español pero que, seguindo a súa privatización, pasou a ser controlada no 70% do seu capital pola administración italiana. Con todo, os “seculares incumprimentos” polos que Adega apunta á empresa virían de máis atrás, e terían sido realizados coa connivencia da Xunta de Galicia.

As críticas da plataforma ecoloxista xorden motivadas polo anuncio da empresa antigamente pública de que quería tramitar unha plantación de eucalipto equivalente a máis de 700 campos de fútbol nos arredores da central térmica das Pontes. Segundo destacan dende a asociación, a empresa subliña a importancia desta plantación para facer fronte ao “abandono” dos terreos e o risco de incendio derivado do seu estado --predominantes en matogueiras--.

ESPECIE PIRÓFICA

Non concordan dende a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia. A plataforma verde defende, precisamente, que o eucalipto que pretende plantar Endesa sería, de feito, unha especie moito máis pirófita que a matogueira que nestes momentos cobre a zona, e que, por riba, “cumpre unha importante función ecosistémica” como reguladora o ciclo hídrico, fixadores de carbono e acubillo dunha "variada e sensíbel biodiversidade".

Encoro do Eume
Encoro do Eume | Fonte: Colectivo Terra

En calquera caso, o intento de Endesa de dispoñer esas 600 hectáreas de eucalipto na contorna da central das Pontes non é o único “agravio” que se ten rexistrado nunha zona destacable polo seu importante valor ambiental. Dende a asociación ecoloxista non esquecen o episodio de turbidez nas augas do Eume acontecido a finais do pasado verán e que deixou sen auga potable á vila veciña de Pontedeume.

Dende a asociación apuntaron xa no seu momento as “décadas de explotación dos recursos mineiros e hidráulicos da bacía do Eume” a mans da empresa como orixe da problemática pola que finalmente recibiu unha multa de 1’9 millóns por parte da Xunta de Galicia; se ben dende Adega dan por feito que rematará nun “longo litixio xudicial”.

De feito, a plataforma é crítica coa suposta tolerancia da Xunta de cara a estes “incumprimentos” por parte da enerxética. Denuncian, neste aspecto, que a Xunta “siga a demorar” a aprobación do plan de uso e xestión do Parque Natural Fragas do Eume. “Xa van 25 anos”, destacan a respecto dunha ferramenta legal que podería axudar a evitar estas problemáticas ambientais. Cómpre lembrar, a este respecto, que a Xunta atribuíu nun primeiro momento a turbidez das augas do Eume a un proceso natural 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta