Bugallo cuestiona que sexa "máis perigoso" ir en autobús que a unha discoteca en tempos de pandemia

O alcalde de Santiago reivindica o labor do seu goberno durante a crise sanitaria: "Fomos unha ferramenta útil".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/06/2021 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pediu este mércores á Xunta de Galicia que revise os protocolos de aforamento no transporte público e cuestiona que poida ser "máis perigoso" ir en autobús que ir a unha discoteca".

"Paréceme ben que se abra o lecer nocturno, pero paréceme raro que sexa máis perigoso ir en autobús que ir a unha discoteca", manifestou nun almorzo informativo ofrecido no Auditorio de Galicia ao ser preguntado polas críticas de usuarios ao funcionamento dalgunha das liñas urbanas da capital galega.

Neste sentido, incidiu que o Consistorio compostelán pide ao Goberno galego que revise os protocolos do transporte público do mesmo xeito que se está facendo con outros sectores, como a restauración, o comercio e o lecer nocturno.

Na súa intervención, Bugallo asegurou que as queixas dos usuarios non teñen nada que ver co conflito laboral que existe pola non subrogación do persoal que cubría a liña de autobuses do aeroporto, senón que se deben a un problema co aforamento.

Deste xeito, considerou "inaceptable" que a estas alturas a capacidade destes vehículos estea limitada a un terzo dos seus viaxeiros. "Un autobús que leva un terzo dos viaxeiros non pode parar porque teoricamente está cheo, iso é difícil de entender para o usuario que está a esperar nunha parada e nós non temos autobuses suficientes para prestar ese servizo", apuntou.

Segundo indicou, na actualidade, na liña que vai ao aeroporto, o seis, o Concello de Santiago habilitou autobuses de 110 prazas "nos que, como máximo poden ir 40 viaxeiros". "Iso é un problema", considerou para sinalar que na actualidade hai un aforamento igual ao que había "fai seis meses".

En relación ao conflito laboral que existe pola non subrogación do persoal que cubría o servizo ao aeroporto, asegurou que o desexo do Concello é que estes condutores "sigan traballando" e "nesa liña se é posible". Con todo, precisou que o Consistorio non pode interromper en "unha relación laboral que está fóra da súa competencia".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xunto aos edís do seu goberno no Auditorio de Galicia
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xunto aos edís do seu goberno no Auditorio de Galicia | Fonte: Europa Press

LABOR DE GOBERNO DURANTE A PANDEMIA

Bugallo reivindicou o labor do seu goberno durante a pandemia ao asegurar que foi unha "ferramenta útil", "capaz de dar resposta real" aos problemas e de "traballar de forma efectiva para a reactivación".

"Se hai algo do que me podo sentir orgulloso é non só de facer fronte ao reto que se nos presentou, senón tamén de facer a folla de ruta que tiñamos trazada", manifestou o rexedor da capital galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta