Traballadores de Navantia Ferrol: "Estamos no peor lugar de todo o Estado español"

Nova protesta para demandar carga de traballo para o sector naval

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 16/06/2021 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

Os traballadores de Navantia Ferrol e os poucos operarios de compañías auxiliares que permanecen nestas instalacións, do sector servizos, como mantemento ou limpeza, ou do departamento de carenas, secundaron na mañá deste mércores, 16 de xuño, unha concentración, con barricadas, ante unha das entradas ao estaleiro para demandar carga de traballo.

Barricada á porta de Navantia Ferrol.
Barricada á porta de Navantia Ferrol. | Fonte: Europa Press

"Xa non podemos ter menos xente da industria auxiliar traballando, estamos a tocar fondo e pensamos que é xa o momento de despegar, onde estamos a atravesar un problema global no ámbito comarcal de falta de oportunidades laborais, onde as cifras de paro son asfixiantes e estamos situados no peor lugar de todo o Estado español", manifestou o presidente do comité de empresa, Emilio García Juanatey (CCOO).

O representante sindical tamén detallou que "hai un nivel elevado de subactividade", pero matizou que no caso dos traballadores directos "non chega nin tan sequera ao 50%, xa que hai departamentos como Enxeñaría que están por enriba da súa capacidade, pero se que é certo que, en determinadas áreas de produción, como en aceiros, non hai traballo".

FRAGATAS F-110

En canto á planificación para iniciar a construción das futuras fragatas F-110 para a Armada Española, o presidente do comité de empresa destacou que "a planificación continúa tal e como estaba previsto, onde se produciu un pequeno atraso que pediu a Armada por un tema do radar, no que nada ten que ver Navantia, xa que este é un elemento que entrega o cliente, por un cambio de deseño, pero desde a dirección transmítennos que os prazos se manteñen".

A pesar de que nun primeiro momento os traballadores tiñan previsto saír do estaleiro en manifestación e trasladarse ata a sede de Facenda en Ferrol, finalmente, decidiron realizar a acción de protesta no interior do seu recinto industrial.

Por parte do ámbito sindical reclamouse a contratación inmediata dun buque do tipo AOR para a súa construción nestas instalacións como buque "ponte", pero tamén detallou que a súa contratación debería de ser inmediata xa que pola contra non serviría para dar ocupación antes do inicio da construción de cinco fragatas previstas da serie F-110.

EMPRESA

Tras esta mobilización, fontes de Navantia trasladaron que o estaleiro está envorcado no programa da F-110 que "suporá carga de traballo para máis de 10 anos", e incidiron en que "todas as unidades de negocio nos estaleiros da ría de Ferrol están a traballar, coa excepción de produción" na antiga Bazán.

Así mesmo, insisten en que en Enxeñaría "están a traballar 200 persoas" entre persoal propio e de auxiliares" e outros operarios desenvolven actividades en programas de países como Noruega, Turquía ou Australia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta