O alcol e a alta velocidade, factores determinantes dos accidentes nos últimos meses

O delegado do Goberno e a conselleira de Infraestruturas valoran a caída da mortalidade nas estradas desde o 2011.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2021 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

A Xunta e o Goberno mostraron a súa preocupación polos accidentes producidos nos últimos meses durante a desescalada e que teñen como factor crave o consumo de alcol dos condutores e a alta velocidade.

Así se puxo de manifesto este mércores na Comisión Autonómica de Tráfico, que presidiron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e que contou coa presenza da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Miñones insistiu na "prudencia" ante o momento actual de desescalada e de bo tempo, unido ao plan Xacobeo, que fará que Galicia reciba moito turismo nos próximos meses.

Os datos de 2021 "son mellores que en 2019, reducindo en sete veces o número de falecidos, pero con 37 vítimas máis das que se queren, xa que o obxectivo marcado é cero", engade.

A velocidade representou a causa principal da sinistralidade nun 64% dos casos, a maioría en vías convencionais (93%) e en horario nocturno (56% dos sinistros), ademais doutros factores "como o uso do móbil ou os choques con animais", destacou o delegado do Goberno.

José Miñones fixou como "prioridade os colectivos vulnerables: peóns, ciclistas e motoristas", e incidiu especialmente nos segundos nos plans levados a cabo para a súa protección, xa que no ano 2020 houbo "unha maior mortalidade entre eles".

As forzas de seguridade traballan para lograr a baixada das vítimas mortais, que non superaron as 100 nos dous últimos dous anos, pero marca o mesmo obxectivo que o resto de administracións, "chegar a cero persoas falecidas".

Miñones lembrou algunha medida que se levou a cabo nos últimos meses como as 'Cidades 30' que serviron para rebaixar o número de atropelos mortais e investimentos que ascenden a 421 millóns de euros para reforzar a seguridade viaria.

"MÁXIMA" AUTOEXIGENCIA

Ethel Vázquez resaltou o traballo para "rebaixar os accidentes en Galicia" e destacou algunhas medidas como "as pezas reflectoras, os sinais en estradas frecuentadas por ciclistas ou as campañas de sensibilización", ás que definiu como accións que teñen "eficacia".

Para a conselleira, "o traballo conxunto realizado está detrás da caída da mortalidade nas estradas", e sinalou que o número de vítimas pasou de 144 falecidos en 2011 a 88 en 2019. No entanto, a autoexigencia para as administracións "é máxima" e márcanse como obxectivo chegar a cero, segundo manifestou Vázquez, posto que cada falecido é "un drama para a Xunta".

Un dos puntos tratados na reunión foi a sinistralidade con xabarís. O obxectivo é "aproveitar as novas tecnoloxías" para crear sistemas que alerten ao condutor de zonas conflitivas con animais. Tamén se licitaron en zonas con moita incidencia de sinistralidade, peches reforzados e unha roza que permita aumentar a visibilidade do condutor, explicou Vázquez.

Doutra banda, a conselleira anunciou que se retomarán actividades que estaban en suspenso pola pandemia, como os cursos de condución segura para motoristas e de seguridade viaria para os escolares, xa que recalcou que "o que se aprende de pequeno non se esquece nunca" e considerou esta iniciativa como "prioritaria".

Doutra banda, está a prepararse o Plan de seguridade viaria 2021-2026. No anterior o obxectivo era reducir á metade a accidentalidade, algo que case se alcanzou, pero a pandemia "distorsiona" os datos, segundo explicou Vázquez.

A conselleira de Infraestruturas deu importancia a "a concienciación social e á educación", ademais dos investimentos da Xunta para mellorar a seguridade nas estradas que ascenden a 15 millóns de euros.

Por último destacou a liña especial para a seguridade viaria dos camiños de Santiago, buscando "dar un paso máis" con 70 actuacións de mellora da seguridade viaria nas rutas xacobeas, que terán unha contía de 1,4 millóns de euros.

Tráfico de coches. Eduardo Parra - Europa Press
Tráfico de coches. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta