O Cabo Ortegal, máis preto de ser declarado xeoparque pola Unesco

A Xunta avala a súa candidatura e, se finalmente o avala a Unesco, convertirase na segura figura deste tipo en Galicia, despois das Montañas do Courel.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2021 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

A Xunta avalou este mércores a candidatura do xeoparque Cabo Ortegal ante o organismo encargado de avaliar as propostas españolas que aspiran a recibir este recoñecemento de carácter internacional por parte da Unesco.

Durante unha reunión telemática do comité nacional español de xeoparques convocada precisamente para acoller a presentación da candidatura galega, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, subliñou a riqueza xeolóxica desta zona como punto forte da iniciativa impulsada polos sete concellos que conforman a comarca de Ortegal (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño).

Eloxiou o traballo da Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal e resaltou a implicación dos diferentes departamentos da Xunta que achegan financiamento para impulsar o desenvolvemento desta zona.

O territorio que aspira a esta distintivo conta cunha superficie de case 630 quilómetros cadrados. A súa declaración como xeoparque, segundo a Xunta, "daríalle un impulso definitivo a estes valores xa coñecidos, abrindo novas oportunidades para garantir a dinamización social, cultural e económica da súa área de influencia, que suma en total unha poboación de máis de 28.000 habitantes".

Medio Ambiente decidiu avalar a candidatura nunha carta remitida en abril do ano pasado á comisión nacional española de cooperación coa Unesco. Coa presentación formal da candidatura este mércores dáse "un paso máis cara á súa declaración definitiva", incide a consellería.

As catro zonas españolas aspirantes a xeoparque terán ata o 20 de setembro para remitir os seus proxectos definitivos e a finais de novembro reunirase de novo o comité para deliberar e elevar a súa proposta á comisión nacional española de cooperación coa Unesco, que fará a selección oficial.

Se a proposta recibe o aval da Unesco converterase na segunda figura deste tipo existente en Galicia e dará pé a futuras sinerxías co xeoparque Montañas do Courel, declarado en abril de 2019.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participa por videoconferencia na reunión do Comité nacional español de geoparques. CONCHI PAZ
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participa por videoconferencia na reunión do Comité nacional español de geoparques. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta