Feijóo traslada ao PPdeG o modelo do "candidato único"

Os relatorios incidirán no modelo de baixada de impostos e, en clave interna, apostarán por aumentar as vías de participación no partido

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 17/06/2021 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

A Comisión Organizadora do 17º Congreso do PPdeG, que se celebrará en xullo en Pontevedra, proclamou este xoves oficialmente a Alberto Núñez Feijóo como único candidato presidir o partido, de forma que o actual presidente da Xunta revalidará por quinta vez o seu liderado á fronte da formación da que tomou as rendas de mans de Manuel Fraga no ano 2006.

Conforme marcan os estatutos do partido, formalmente Feijóo é aínda precandidato (o único), tras comprobar a comisión organizadora que reúne as condicións, e emprenderá unha campaña interna que se prolongará as próximas semanas. Este mércores, o dos Peares entregara 6.119 avais e ningún outro militante achegou as firmas precisas unha vez expirado o prazo (finalizou, precisamente, na pasada xornada).

Na presentación da súa candidatura, Feijóo proclamou que optaba a seguir liderando a formación en Galicia pondo a súa experiencia e compromiso a disposición do seu partido. Reivindicou que se presenta non polo feito, senón "polo que queda por conseguir", pero evitou atarse a volver optar á Xunta como aspirante popular en 2024. Anticipar quen concorrerá sería, dixo, un acto de "soberbia".

Agora, dáse inicio a unha campaña interna na que, aínda que nun formato máis reducido, o candidato presentará o proxecto político que propón para os próximos anos. Como xa avanzou, farao durante a celebración de catro xuntas directivas provinciais, comezando por Ourense, o día 21 de xuño; á que lle seguirá Lugo, o día 28; A Coruña, o día 29; e por último Pontevedra, o día 6 de xullo.

REACTIVACIÓN PARA AS MUNICIPAIS

O PPdeG defende que está a organizar un conclave autonómico que será "aberto, participativo e funcional" coa vista posta non só nos equipos que saian del, senón "nas propostas de futuro que van pór a disposición de Galicia", pois o obxectivo é que sexa a Comunidade "a gran vencedora" do congreso.

Así, ademais de renovar as ideas para facer fronte aos grandes retos que ten por diante a sociedade, tamén comeza un "período de reactivación" para poder configurar un proxecto competitivo cuxo seguinte reto electoral son os comicios municipais.

De feito, o PPdeG subliña que, "a pesar de gañar eleccións", apóstase "permanentemente por mellorar", actualizando a organización todos os días para "adecuala ao que a xente espera" do PPdeG e "continuar sendo o partido que máis se parece a Galicia".

RELATORIOS ATA O 21 DE XUÑO

Por este motivo, tanto os encargados de deseñar o texto basee dos relatorios como os militantes deberán facer achegas durante estas semanas para "acertar" nun ideario que debe ser reflexo do que os galegos necesitan na próxima década.

Feijóo entrega os avais na sede do PPdeG.. PPDEG
Feijóo entrega os avais na sede do PPdeG.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta