Anulan parte dos orzamentos de Ourense do pasado ano por falta de negociación cos sindicatos

O xuíz subliña que se introduciron "modificacións substanciais na relación de postos de traballo" vulnerando así o dereito de negociación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2021 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

O Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Ourense anulou parcialmente os orzamentos do Concello correspondentes ao exercicio de 2020.

O fallo dá a razón ao recurso interposto pola CIG e anulou o capítulo 1 das contas, que se corresponde co gasto de persoal, debido "á falta de negociación coas organizacións sindicais".

O xuíz estimou que "por máis que se escoitaban as partes e a reunión se estendera por máis de dúas horas e media, non houbo negociación", e ademais subliña que si se introduciron "modificacións substanciais na relación de postos de traballo" vulnerando así o dereito de negociación.

Por todo iso condenou ao Concello de Ourense a convocar, nun prazo de 20 días, unha Mesa Xeral de Negociación e ordenou anular todos os actos de materia de persoal que se aplicaron a partir do 2020 sen negociación coa parte sindical.

A modificación da relación de postos de traballo xa fora manifestada polo interventor no informe previo á aprobación dos orzamentos, que advertiu de "variacións que poderían ser causa de nulidade" por incumprir a lei de Estatuto Básico de empregado público. No seu momento o goberno local seguiu o informe da Asesoría Xurídica, que foi favorable.

Agora, o Concello de Ourense estuda a posibilidade de interpor recurso de apelación ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

"REPOR A LEGALIDADE"

Desde a CIG aseveraron que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, está obrigado a convocar a mesa de negociación para "repor a legalidade que el mesmo incumpriu" e aseguran que a resposta por parte da central sindical será "proporcional ao sentidiño" que imprima o rexedor.

Ademais, censuran que a Mesa Xeral de Negociación, que se celebrou o 27 de novembro de 2019, constaba de 8 puntos "todos incluídos no Catálogo de materias negociables en base ao artigo 37 do EBEP" e o grupo de goberno "impediu o debate vulnerando o dereito á negociación colectiva".

"Estamos diante dun modo de gobernar que reflicte un menosprezo absoluto por valores como a pluralidade e o diálogo", acusan desde a CIG.

O BNG pide "responsabilidades" ao PP e a DO e advirte de que a sentenza lle deu a razón aos sindicatos, "pero tamén aos grupos que no seu día advertiron a ilegalidade dos orzamentos".

Para o portavoz municipal, Luís Seara, "PP e DO decidiron tirar para adiante e sacar uns orzamentos aínda con absoluta conciencia da ilegalidade" deixando agora "unha situación que empantana aínda máis unha caótica cidade".

Ademais, avanzou que solicitarán informes xurídicos para aclarar como afecta a sentenza á modificación de crédito de 62 millóns de euros proposta por Jácome e levada a unha cuestión de confianza.

Así mesmo, o portavoz nacionalista fixo fincapé en que o propio rexedor municipal, durante o último pleno, "agradeceu publicamente á concelleira Ana Morenza --no momento concelleira de Facenda-- polo traballo realizado e pola aprobación dun magnífico orzamento". "Á vista dos feitos, seguirá dándolle as grazas ou lle pedirá que deixe a súa acta de concelleira?", cuestionou Seara.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: Concello de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta