GC Aberto

Á mestra Chelo Bereijo, in memoriam

Por admin | GCAberto | 19/06/2021

Comparte esta noticia

Sê todo em cada coisa. Poe quanto és

Espiga de trigo malva
Espiga de trigo malva | Fonte: arquivo

no mínimo que fazes.

Ricardo Reis

Ás veces aínda agardo que xurdas no medio da práctica de tai chi con aquel teu sorriso debruzado, como a piques de confesar algunha brincadeira e con aquela ollada pillabana baixo duns enormes lentes de sol. Agardo que te pasmes do teu cansazo despois de ter feito unha morea de cousas a media mañá, cando calquera, tres décadas máis nova, estaría derreada. Agardo que me adiantes un novo capítulo do conto da Tía Sebastiana. Sabes que esa personaxe é a miña preferida entre todas as túas creacións contistas. A Sebastiana, esa muller gozadora da vida, que conserva a sabencia ancestral do rural galego e abraia de que se poida vivir no formigueiro isolado das cidades.

Ás veces decátome que xa non estás connosco, que finaches recén estreado o ano, que non nos voltaremos atopar, que xa non te disfrazarás no Antroido, nin nos agasallarás cos teus xabóns de lavanda, polo Nadal. Nin iremos ás fogatas do San Xoán do barrio. Co que a ti che prestaban as festas cíclicas tradicionais!. E aínda entón, agardo.

Nada, senao o instante me conhece, dime Pessoa ao abrir, ao chou, Como viver (ou nao) em 777 frases de Pessoa, o livro que escollín na túa biblioteca cando a túa sobriña mo brindou. Somos o instante, ese intre partillado no que rimos, choramos ou nos confesamos. Este intre en que te escrevo aquelo que se garda das palavras, o que sempre te quixen dicir e adiei.

Cada pessoa é apenas o seu sonho de si próprio. E ti, Chelo, fostes moitos soños na túa vida livre e ricaz. Coñecínte xa ti xubilada mais atesouravas, porén, no teu espírito, a vizosa candura das crianzas. Aprendíchesme o valor do intre e o instinto de rebeldía. Afouta mestra que se enfrontou de fite á sensatez eficiente da madureza prematura da infancia, a esa educación bancaria que sumetía aos nenos aos moldes dos adultos tirándolles o intre creativo, a posibilidade da empatía, do autocoñecemento espellado no compañeiro, a sensibilidade do debruzar no tempo, sen retallos febrís nin fabrís. Ti viñas de artellar no San Isidro o xogo livre, abrindo a infancia nedense ás posibilidades dunha nova escola, dunha nova pedagoxía que respectara ao neno como ser senlleiro, non como adulto en potencia. Teño imaxinado a túa aula, como me contabas, como me amosavas nas fotos, cheas de material de desfeito, roupa vella e trastos aos que os nenos lles argallavan novos usos. Os baixos dunha mesa podíanse converter nun castelo para onde cabalgavan os cativos, ao galope, nun cavalo que parecía unha cadeira ou un paraugas. De súpeto, os nenos mudavan as normas e o castelo convertíase nunha cova chea de toda caste de animais. Case todos pelexavan por ser leóns ou ursos. Sermos, e nao sermos mais!...Ó leoes nascidos na jaula!...(Pessoa) E ti, alí, observando, invisivel, profundando na personalidade única de cada pequeno, pescudando nos seus conflictos emocionais só espellados no territorio liberado do mundo lúdico, gozando e reaprendendo da túa neneza, da valía do pensamento máxico, da improvisación, da solidariedade, do conflicto aberto e a deboura a redor dos roles e a súa asunción. Porque a vida é un xogo, un goce, pracer e dor na mesma moeda. Ser forte é ser capaz de sentir, dicía o heterónimo de Pessoa, Álvaro de Campos.

Neste intre, cando se achega a noite meiga, a luz máis longa do teu benquerido sanxoán, ás portas do vindeiro encontro de familiares e amizades na túa linda horta, consciente da túa ausencia, da finitude da vida, de todas as vidas, da liberdade de ser que lles regalaches a tantas roladas ao comezo da escola... reivindico no teu nome o valor vital do xogo livre como dereito ao gozo colectivo. Non só para as crianzas senón tamén para nós, xa madurecidas polas inevitaveis bategadas da lucidez. Nao sei quantas almas tenho. Cada momento mudei.

Neste intre onde se educa na sumisión virtual, expondo a infancia aos videoxogos, ao lecer monitorizado, onde o xogador é tan semellante ao envilecido ludópata de Dostoyevski a asolagar a súa anguria e sofrimento nunha rebeldía desviada.

Neste intre penso en ti e cavilo que ías alén do aprender xogando da pedagoxía moderna. Porque endexamais ficaches só no utilitarismo, na utilidade do xogo para educar-domesticar, senón que, respectando a infancia, afondaches na valía do xogo en si mesmo, no xogo polo xogo que é, ou devera ser, a vida. Porque ti es para min como aquela espiga tan especial (do teu conto) que nacera verde, fórase poñendo dourada e cando quixo ser livre amosouno escollendo aquela cor malva. Orgullosa de marcar a diferenza nun mundo de pobreza uniformada. Facendo parte dun pan, por todas, partillado.

Grazas, Chelo por todo o que me brindaches, por todo o que nos brindaches. Ti es e serás por sempre aquela espiga de trigo malva.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta