A ministra Maroto accederá á reunión co comité de Alcoa Cervo e Miñones nega que a SEPI estea "á marxe"

A SEPI vai estar aí para axudar, para colaborar, para acompañar, para mediar, pero está claro que hai empresas que están interesadas na compra e Alcoa" indicou o delegado do Goberno, José Miñones.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2021 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

A ministra de Industria, Reyes Maroto, accederá á reunión que urxe o comité de empresa de Alcoa en Cervo despois da última mesa multilateral, na que o Goberno comunicou, segundo trasladaron os representantes dos traballadores, que a SEPI (sociedade estatal de participacións industriais) non ía participar na operación de compravenda da planta, de darse.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmou que ese encontro que pediu o comité producirase e deixou "claro que a SEPI non queda á marxe". Ao contrario, "está máis implicada que nunca", segundo dixo.

En calquera caso, aclarou que esta sociedade "non pode ser o refuxio dunha empresa que está a xogar co emprego de moitas familias e que quere aproveitarse da boa vontade e esforzo das administracións".

Neste sentido, ratificou que o Executivo vai estar "xunto aos traballadores" e "a defender a actividade industrial". "A SEPI vai estar aí para axudar, para colaborar, para acompañar, para mediar, pero está claro que hai empresas que están interesadas na compra e Alcoa ten ou ben que seguir cun proxecto industrial solvente ou ben vender e non enredar máis", resolveu.

Ademais, apuntou que a sentenza sobre as plantas que agora son de Alu Ibérica na Coruña e Avilés son "un aviso" para a multinacional estadounidense.

OBRAS SEGURIDADE SOCIAL

Miñones fixo estas declaracións durante unha visita a Viveiro, onde celebrou a finalización da obra do novo centro de atención e información da Seguridade Social, unha "demanda histórica" da comarca da Mariña.

En concreto, comprobou o resultado deste investimento de 844.325 euros sobre unha parcela cedida polo Concello xunto á alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e o director provincial do INSS, Juan José Rodríguez Gude.


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, este venres en Viveiro (Lugo). DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, este venres en Viveiro (Lugo). DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta