Luz Casal actuará o 21 de xullo na Praza do Obradoiro acompañada da Real Filharmonía de Galicia

As entradas poderán adquirirse a partir do luns.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/06/2021 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

A artista Luz Casal ofrecerá o próximo 21 de xullo un concerto especial na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela no que estará acompañada pola Real Filharmonía de Galicia e que se enmarca na programación do Xacobeo 21-22.

Presentación do concerto de Luz Casal na Praza do Obradoiro
Presentación do concerto de Luz Casal na Praza do Obradoiro | Fonte: Xunta de Galicia.

A intérprete estará acompañada de preto de 60 músicos, ademais da súa propia banda, nun concerto que contará cunha capacidade de preto de 1.200 persoas e que tamén será retransmitido nas redes a través de 'streaming'.

A cita foi presentada este sábado pola propia Luz Casal e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Rodríguez destacou o carácter "simbólico" desta proposta, que reflicte a boa evolución da situación sanitaria na comunidade, e na que se creará un diálogo entre "dous referentes" da cultura galega e universal, dúas institucións que son "un orgullo" para a comunidade.

Ao mesmo tempo, valorou que se desenvolva nun "espazo simbólico" como a Praza do Obradoiro, ao tratarse dun acto vinculado á programación do Xacobeo e que está chamado a ser un "símbolo da recuperación cultural, pero tamén turística" e "emocional" tras "meses tan difíciles" por mor da pandemia.

Casal, pola súa banda, considera "toda unha honra formar parte da programación do Xacobeo" e destacou o "grandísimo reto" de traballar con Real Filharmonía de Galicia, posto que require "adecuar un repertorio moi amplo e variado a un grupo numeroso de músicos".

"É unha aventura, porque aínda que as cancións forman parte dos meus fluídos, do meu sangue, de min mesma, a sonoridade que haberá ese día verdadeiramente será unha cousa nova", asegurou.

A intérprete galega valorou, ademais, o que significa para ela actuar no Obradoiro, que "ten un significado engadido moi importante", ao regresar a este emprazamento tras o concerto de Fin de Ano do paso do 1999 ao 2000.

"Foi un momento moi emotivo, importante na miña carreira profesional, emocional e sentimental, e estou segura que este día 21 será algo que quedará na miña memoria ata o fin dos meus días", asegurou.

ENTRADAS

As entradas para o concerto, que empezará ás 21,30 horas, poderán adquirirse desde o luns por un prezo de 19 euros, máis gastos de xestión, no portal web 'enterticket.com', segundo informa a Consellería.

A actuación realizarase seguindo os protocolos de seguridade sanitaria deseñados polo Goberno galego en colaboración cos profesionais do sector e en función da normativa sanitaria vixente. Ademais, durante a celebración destes eventos deberán manterse medidas de seguridade como a distancia interpersoal, hixiene de mans e uso de máscara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta