Sombras de ruídos

Leo nos xornais do país que “A Xunta quere poñer en valor as fincas proclives a sufrir incendios”, que hai fincas que poden ser declaradas “fincas abandonadas", que o presidente da Xunta quere que o medio rural sexa "máis accesible para traballar e, por tanto, máis accesible para vivir". Mágoa que tanta palabrería sexa un simple monllo de falsidades. Sendo a realidade moi outra, esas declaracións só persegue aumentar o número de chupóns que viven do conto, xulgándolle o sangue ao contribuínte galego e ao tempo contribuíndo á destrucción do noso rural. Se verdadeiramente quixesen facer algo polo rural, comezarían por respectar a Lei Común Galega; ou sexa, suprimirían tódalas trapalladas burocráticas substituíndoas por unha Normativa Legal baseada na Lei Común Galega, dotándoa da necesaria seguridade xurídica. Onde houber seguridade xurídica e clarividencia legal no fan falta un exercito de de sabenadas dando ou denegando permisos para limpar e rehabilitala unha leira, e ningún papanatas de turno tería a o poder de reclasificar unha leira, de toda a vida, en “bosque consolidado de abeneiros”, como está sucedendo.

Por Xoán Vázquez | New Yersey | 28/11/2013

Comparte esta noticia
Pero non, de mentira en mentira, de hipocrisía en hipocrisía, de chupón en chupón, vemos como no ámbito europeo non queda unha sociedade en tanto perigo de extinción como a galega. Non obstante, a nosa gran preocupación non é o rural, nunca foi. A nosa gran preocupación é protexer o abeneiro. Símbolo e metáfora dos mil desnortes que van labraron a nosa decadencia e a destrucción do noso rural. Símbolo tamén do colapso deste noso país na irrelevancia total. Protexelo, mesmo alí dentro das hortas milenarias onde hai dous días reinaba o laranxeiro. Os dilixentes vixiantes do abeneiro son uns linces, cando se trata de xente humilde de aldea con catro ferrados de terra, mais perante as promotoras, as eléctricas e os grandes capitais transfórmanse nus morriñentos gatos borrallentos. Cada día está máis claro - se cabe - que tódolos berros en defensa do rural son simples espantallos, pretensións de ruídos, sen máis propósito ca ocultar o avance do silencio derradeiro que pouco a pouco vía espallando a súa fría e negra sombra sobre todo o rural. E no benévolo abeneiro ao moribundo rural lle receitamos un placebo.
 
Todas esas lerias institucionais son eso, cando non falsidades. A realidade é que en vez de adaptar a Normativa Legal á Lei Común Galega, fundamentalmente sabia, rural e aldeá, subvertémola e encabestrámola cargándonos con Medio Ambiente, Medio Rural e non sei cantas outras trapalladas burocráticas, todas elas chupando do contribuínte se dar nada a cambio, todas elas alleas á realidade do de nós. En tódalas grandes sociedades a Lei Común érguese como a adega, que é, da sabedoría colectiva acumulada co paso dos séculos, e na ausencia de coincidencias ten precedencia sobre as accións lexislativas; en Galicia apisoámola. Estas obsesións son propias de sociedades empobrecidas que confunde as arbitrariedades parlamentarias con democracia e a ruína do rural con protección medioambiental.  Que a maleza se apodere de todo, ata dos teitos, que non quede nin rastro da nosa existencia. Que esta derradeira reserva da esencia do país quede para sempre  sepultada baixo peso das brosas burocráticas. Pouco importa que nas aldeas non quede nin unha alma, con tal de que prolifere o abeneiro xa todos moi modernos, logrados e contentos. Organizaremos algunha que outro marcha, de cando en cando, e iremos estirar a goxa ás dunas de Corrubedo, auscultaremos dilixentemente a presencia dalgún que outro ramallo e presentarémolo como referencia irrefutable dos nosos logros en prol da protección do rural namentres nas leiras milenarias ha continuar a proliferación do abeneiro.
 
Non se trata de teimar, aínda que tamén, con Medio Ambiente e Medo Rural, pero si expoñelos como un pequeno bocado da inmensidade de mentiras, atropelos e lixo burocrático que estamos forzados a engulir coma se viviramos apisoados por barbudas botas caribeñas. Servizo Público e avasalamento público son dúas maneiras moi diferentes de entender a relación coa cidadanía. Nós vivimos avasalados. Nós vivimos tan apisoados que ata a matanza de febreiro, moitas veces centenaria e ancorada na Lei Común Galega – ónde haberá maior lexitimidade - ten que ser declarada aos comellóns municipais. Ata nos roxóns se meten.  Con todo, estou aberto - sen máis reparos cós necesarios, que non son poucos - a concibir a posibilidade de que houbese algo de boas intencións na creación desas burocracias, que o seu absoluto desprezo á Lei Común Galega emane da ignorancia e xa non da condescendencia e menosprezo que senten para coa nosa xente do rural. Mais a Galicia rural xa non pode sobrevivir máis boas intencións. E na ausencia dunha xestión competente quédanos o imposible como esperanza: que nos deixen en paz, que nos deixen ser.    E claro, no medio de tanta desfeita só queda una saída: emigrar. Si, emigrar é a única saída que lle queda aos pobos derrotados que xa perderon o derradeiro alento, que xa enterraron o espírito de resistencia.
 
Imos cus exemplos: “Galicia perde o liderado na producción de troita e gana Castela-León”.  Inconcibible, o país dos ríos incapaz de ser líder da industria da troita. Ah!, claro, os ríos fan falta, todos e non chegan a nada, para abeneiro, para fomentar fermosas frondosidades a onde se poidan ir desestresar os aprendices de burgués.  Cando nós aínda eramos nós, os abeneiros ocupaban os espazos que lle correspondían, a primeira fila do río, alí onde fan falta para frear as augas e aguantar as correntes. O resto das terras estaban para os cultivos. Non había, nin falta facían, “bosques consolidados de abeneiros”. Que é como lle din agora os ignorantes das burocracias á xente que vai solicitar permiso para rehabilitar unha leira, ao que sempre foi: leira. E así pasaron séculos sen que desapareceran nin os abeneiros nin os ríos, nin as troitas nin as anguías. Nin as terras de cultivo. E así viviron os nosos avós, e deles nacemos nós. E de nós? De nós a hipocrisía.  Moderna hipocrisía. Para máis inri, preñada de ignorancia. Agora estamos modernizados, feixes de soldos pagados polos contribuíntes a xentes que non saben nada, nin pío! do medio ambiente nin do medio rural. Non saben nin lle importa.  Nin fan falta. E que nos dan a cambio? Que beneficio lle trouxo ao noso país?  Ríos secos, sen troitas nin aguias, agras cheas de abeneiros, montes calcinados, e a nosa xente sen terras de cultivo, sen proxectos agrícolas. Sen futuro. Si, protexamos o abeneiro que galegos sobran, sobre todo os do rural. Coido que os do rural sobramos todos. E máis, cada día estou máis convencido que xa somos un estorbo, unha ameaza á esta nova normalidade  do chupón vitalicio constitucionalizado.  
 
Seguindo cos despropósitos: seino, fidedigno, que se algún emigrante retornado quere botar unha milleira ou unha leira de patacas nunha leira de toda a vida que pola desgraza de emigración leve anos abandonada, se nela entrou o abeneiro xa nunca máis ha dar patacas, xa nunca máis ha ser de seus donos. Agora é un “bosque consolidado de abeneiros”, porque o di un  sabelotodo calquera. Ala!, toma autonomía, e máis de mil anos de Lei Común ao vertedoiro. Estes son os defensores do rural. Claro, se labramos as terras de que han vivir os dilixentes vixiantes do abeneiro. Neste país de despropósitos ata aquelo que nace coas máis nobres intencións remata nos vertedoiros da falsidade e da hipocrisía: non poder nin labrar as terras que a desgraza da emigración levou a que quedasen a monte e agora sen permiso de catro ignorantes que saben tanto diso coma eu da crianza de pandas en cativerio xa non se poden labrar? Inconcibible, se iso é democracia estamos perdidos. Se iso é acercar o poder á xente mellor que o leven ben lonxe, mandar a autonomía ao carallo e que gobernen desde Madrid. Polo menos os de Madrid nin de nós se lembraban. E os de aquí só amosan a súa faciana para mangármola coas súas modernas mañas de aprendices de señorito,  privándonos dos nosos dereitos máis ancorados na Lei Común Galega, ata levarnos á ruína.
 
E se eses cartiños  que dedican a coidar do abeneiro os dedicaramos a fomentar a natalidade e a incentivar os cultivos e a permanencia no rural, non estariamos todos mellor?    Pobre Galicia, confunde modernidade con suicidio, cordura con ineptitude, seguridade xurídica con usurpación dos dereitos básicos ancorados na Lei Común.  As nosas terras teñen que estar todas a frondosidades, o noso litoral todo prístino. E a nosa xente toda en Suíza. Que marabilla de país, han dicir cantos vaia visitalo, "aire puro y aguas cristalinas, ni una fábrica que contamine, hasta las fincas milenarias han sido todas absorbidas por las arboledas de rivera… una maravilla".
 
Nun país normal, suxeito á lei, gobernado por leis que xa non polas arbitrariedades, amañes e conveniencias de turno, se un anaco de terra está clasificado como leira, leira é. E punto. Se está clasificado como bosque, bosque é. E punto. Lei. Normativa. Seriedade. Seguridade xurídica e respecto á Lei Común. Se alguén quere transformar unha leira en bosque (ou viceversa), ten que presentar unha solicitude de reclasificación. Se lle é aproban pasa a bosque, e senón en leira se queda. Aí si hai unha función para as modernas burocracias, para facer os estudos necesarios na valoración das solicitudes de mudanza de uso. Pero medio Ambiente e Medio Rural non poden, nunha sociedade civiliza, ter poder e veto sobre o establecido e aínda moito menos sobre Lei Común Galega. Daquela convértense nun estorbo nocivo que hai que sacar de diante canto antes. Pois claro que hai que coidar do medio, pero prohibir labrar unha leira porque a xentiña tivo que emigrar e ao regresar atopárona chea de abeneiros, e agora xa non é deles?  Onde se veu tal barbaridade, tal desprezo a Lei Común Galega, milenaria? Onde está a seguridade xurídica?  Queda algo de nós, a parte das mentiras e hipocrisías institucionais?  Non miredes a Madrid, o inimigo témolo dentro da casa, e non é de dereitas nin de esquerdas, é. É a cultura do chupón. A destrucción de Galicia é un fenómeno moi galego. Ou nos desfacemos deses sabelotodo e lles restauramos a soberanía (dentro dos marcos da Lei Común) sobre as Súas Terras aos residentes do rural ou esto acabase. Os resultados do modelo actual están á vista, non é que non funcione, é un estrago de dimensións criminais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/