Pontón advirte da "oportunidade perdida" que suporía "deixar en mans de multinacionais" os fondos europeos

Apunta á celebración dunha Asemblea Nacional do BNG en novembro para "ampliar e fortalecer as bases" do partido.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/06/2021 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, advertiu da "oportunidade perdida" que suporía deixar en mans de "grandes multinacionais e bancos, e non dos galegos", a decisión sobre a repartición dos fondos europeos 'Next Generation'.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha entrevista para a Cadena Ser
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha entrevista para a Cadena Ser | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista concedida este domingo a Cadena Ser Galicia, Pontón mostrouse "moi preocupada" polo "escurantismo e falta de transparencia" da Xunta de Galicia. "Preocúpame que non se utilicen para pór en marcha a transformación que necesita Galicia. A estas alturas aínda non sabemos o plan do Goberno para utilizar eses recursos", lamentou a líder nacionalista.

"Non podemos permitir que as decisións as tomen as grandes empresas e non os representantes dos galegos. Ninguén votou aos que sentan nos consellos de administración para que decidan que facer cos 'Next Generation'", explicou Ana Pontón, que cualificou a decisión --"que transcende partidos políticos"-- como "a máis importante da década".

Sobre as condicións establecidas pola Unión Europea para a concesión desas axudas, Pontón sinalou que a posibilidade de "máis recortes sociais, en concreto en canto ás pensións", sería "inadmisible". "Xa temos as segundas pensións máis baixas do Estado, isto significaría máis precariedade cando nos xubilamos", apuntou, para demandar ademais "máis transparencia" por parte do Goberno central.

ASEMBLEA NACIONAL EN NOVEMBRO

En clave interna, a líder do Bloque explicou tamén que, tras tempo atrasándoo por mor da covid-19, o vindeiro sábado 26 de xuño o partido celebrará o seu Consello Nacional, no que se proporá a celebración da Asemblea en novembro deste ano para "ampliar e fortalecer as bases do Bloque".

Preguntada polo seu revalidación como portavoz nacional, Pontón agradeceu a confianza e agarimo demostrados pola militancia e desexou que "siga igual". "Percibo que hai confianza no proxecto. Estamos máis fortes que nunca e iso pon nervioso a Feijóo, que debería centrarse noutras cousas e non en facer oposición á oposición", subliñou, "nervios" que achacou a un "BNG forte, unha alternativa viable que non só critica, senón que tamén propón".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta