Os traballadores de fundacións de investigación sanitaria terán melloras salariais e homoxeneización de condicións

Asínase en Santiago o primeiro convenio colectivo específico para o persoal destas fundacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2021 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

Os preto de 500 traballadores de fundacións de investigación sanitaria contarán con melloras salariais e unha homoxeneizaicón de condicións laborais.

Este luns asinouse, en Santiago, o primeiro convenio colectivo específico para o persoal destas fundacións, nun acto no que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que estas entidades están encargadas da xestión dos institutos de investigación biomédica de Galicia, a través dos cales o Sergas canaliza a innovación no campo sanitario.

De tal forma, haberá unha homoxeneización das categorías de persoal; melloras salariais con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2021; regulación dos distintos permisos de conciliación e do teletraballo; medidas de igualdade de xénero, así como a implantación de plans de formación anuais.

Respecto diso, García Comesaña apunta aos retos de futuro como "o maior apoio ás 'spin-off', a integración da formación da investigación clínica ou o avance cara a unha carreira investigadora".

O conselleiro remarca que coa firma deste luns ponse fin a un longo proceso que supuña negociar tres convenios colectivos de forma conxunta, de maneira que se converte nun só acordo común para todo o sistema de investigación biomédica. Destaca que se produciron un total de 25 reunións da comisión de negociación e outras catro reunións do Consello Galego de Relacións Laborais.

O acordo foi asinado pola presidenta do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), Eloína Núñez; o presidente do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, Luís Verde; do Instituto de Investigación sanitaria Galicia Sur, Javier Ponte, e representantes de varios comités de empresa.

Equipo de investigación do IDIS.. IDIS
Equipo de investigación do IDIS.. IDIS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta