Temas: AP-9 BNG VOX PSOE PPDEG

O PPdeG acusa ao PSOE de ir da man con Vox polas súas emendas para non transferir a AP-9 a Galicia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tamén censura ao BNG porque, ao non presentar ningunha emenda, parece que están "conformes" co feito de que o Estado entregue a Galicia a Autoestrada do Atlántico "pero sen un euro para mantela".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2021 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acusa ao PSOE de ir "da man" con Vox despois de que estas dúas formacións presentasen a semana pasada no Congreso senllas emendas á lei orgánica de transferencia da titularidade da AP-9 para que esta autoestrada continúe sendo estatal.

Por unha banda, os socialistas propoñen modificar o texto para que a Xunta asuma unicamente "competencias sobre a administración e explotación" da estrada e non a súa titularidade, tal e como se establecía no texto desta lei remitida polo Parlamento galego ás Cortes co respaldo unánime dos grupos --tamén do PSdeG--. Tal e como xustificou o PSOE na exposición de motivos da propia emenda, o traspaso da propiedade da AP-9 "podería comprometer" a aprobación das bonificacións ás peaxes por parte do Goberno central.

Doutra banda, Vox suxire tamén eliminar o cambio de titularidade do texto da lei de traspaso e avoga por que a Xunta tan só asuma "as funcións de supervisión e inspección do correcto funcionamento" da autoestrada.

Por mor destas emendas, o PPdeG emitiu este luns un comunicado no que o seu secretario xeral critica que nin PSOE nin Vox queiran facer efectiva esta transferencia. "Os socialistas, do ganchete co partido de Santiago Abascal para evitar que os galegos sexan donos da autoestrada 42 anos despois de ser inaugurada", indica.

Pero Tellado tamén censura ao BNG porque, ao non presentar ningunha emenda, parece que están "conformes" co feito de que o Estado entregue a Galicia a Autoestrada do Atlántico "pero sen un euro para mantela". "Un gran negocio para Pedro Sánchez, un mal negocio para os galegos", sinalou o 'número dous' do PPdeG.

Neste contexto, Tellado considera que os populares se quedaron "sós" ao reclamar ao Goberno central o diñeiro necesario para conservala: "Parece que estamos sós, como sós estamos na defensa xeral dos intereses de Galicia".

Ademais, o secretario xeral lamenta que, a pesar de que a proposición de lei da transferencia iniciou a súa tramitación polo procedemento de urxencia, o prazo para a presentación de emendas "prorrogouse sucesivamente ata 15 veces" --culpa diso ao PSOE e a Unidas Podemos--. E se se desbloqueou a semana pasada "foi grazas á presión mantida polos deputados do PP".

Nesta mesma liña, o portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, dixo este luns que lle "sorprendeu moito" esta emenda por parte dos socialistas no Congreso cando o que esperaba era que "a rebaixa" afectase as peaxes, non á transferencia.

"Laméntoo e certamente o que se deduce desas emendas é que o que se traspasa á Comunidade Autónoma é a responsabilidade polo funcionamento da autoestrada pero non os medios que permiten facer efectiva esa operatividade", resumiu. Por tanto, Puy espera que o PSOE "reconsidere esa posición", porque "non satisfai aquilo que o Parlamento votou reiteradas veces por unanimidade, que é o traspaso integral da autoestrada".

CABALLERO REMÍTESE ÁS SÚAS DECLARACIÓNS DO SÁBADO

Preguntado respecto diso este luns en rolda de prensa, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, remitiuse ás súas palabras do sábado, cando sinalou que "a prioridade central" dos socialistas nestes momentos é conseguir "rebaixas históricas" no custo da infraestrutura.

Caballero, a pesar da emenda, comprometeu que o Partido Socialista "mantén a súa posición" de transferir a AP-9 á Xunta "cando estea garantida a rebaixa das peaxes", un asunto no que non vai permitir "nada que debilite esa estratexia".

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reaccionou o sábado tachando de "tomadura de pelo" a nova proposta do PSOE para que a autoestrada siga sendo estatal, á vez que advertiu que os nacionalistas "non van aceptar este agravio, este trato discriminatorio a Galicia" tras o traspaso "pleno" de vías similares a Euskadi e a Cataluña.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Temas: AP-9 BNG VOX PSOE PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta