Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 21/06/2021 | Actualizada ás 18:06
A última cría das cegoñas aniñadas no alto dun guindastre na Praza Maior da cidade de Ourense morreu, segundo informan entidades ecoloxistas. Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción Ourense denuncian que esta morte se "podería evitar", pois lembran que realizaron diversos avisos e escritos para que as autoridades competentes tomasen medidas ante a situación deste niño nun guindastre da empresa Copasa.
De feito, sinalan que o pasado xoves fixeron un aviso urxente pola situación destes animais ante as treboadas que caeron eses días. E é que a última cría presentaba escasa ou nula mobilidade, cuxa morte se confirmou este luns.
Membros de Protección Civil de Ourense, mediante o uso de imaxes por dron, detectaron a inmobilidade desta ave. Ante a "inacción" da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, ecoloxistas avisaron a bombeiros municipais, pero non puideron acceder ao guindastre por falta de medios para esa altura.
Segundo este relato, foi, finalmente, un técnico de mantemento do guindastre, autorizado pola empresa que fai as obras do Museo Arqueolóxico, quen subiu a ver a situación da pequena cegoña e puido constatar o seu falecemento.
Estas organizacións ecoloxistas puxéronse en contacto coa valedora do Pobo para solicitar amparo ante "a falta de vontade" da Consellería de Medio Ambiente para velar pola integridade desta especie de ave protexida.
Paralelamente, solicitaron unha reunión urxente coa xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Vitoria Méndez, para evitar que esta situación se repita e coñecer o futuro protocolo de actuación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.