Os traballadores de Caixabank en Galicia mobilízanse contra o ERE nunha xornada de folga

Convocada a nivel estatal, en Galicia houbo protesta na Coruña, Vigo, Lugo e Ourense.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 22/06/2021 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

Traballadores de Caixabank mobilizáronse en distintas cidades galegas nunha xornada de folga convocada a nivel estatal contra o expediente de regulación de emprego (ERE) que en Galicia afectará a 90 persoas, segundo os sindicatos.

Na Coruña, fixérono no Obelisco con pancartas nas que se podía ler 'Todoxs Somos Caixabank. Non ERE' e ante un expediente de regulación de emprego que desde a representación sindical cualificaron de "salvaxe". A mesma protesta repetiuse en Vigo, Lugo e Ourense.

"Estamos aquí para loitar polos nosos empregos", sinalou Marisol Gómez, delegada de CC.OO, quen denunciou que a empresa pretenda "despedir de maneira forzosa ao 20% do persoal" a pesar de, segundo incidiu, obter uns "beneficios millonarios". "Falamos de 8.300 persoas en toda España, 35 na provincia da Coruña", engadiu.

Pola súa banda, o secretario xeral da sección sindical de UGT Caixabank en Galicia, Víctor Santos, rexeitou que se trate unicamente dun ERE "organizativo" pola fusión con Bankia e argumentou que detrás hai tamén "recorte de dereitos". "Non só saídas", apostilou.

No caso de Galicia, afirmou que son 864 empregos entre os persoais das dúas entidades e cifrou en 90 o número de persoas afectadas polo expediente de regulación de emprego. "Non é entendible nunha entidade con beneficios millonarios".

Ademais de argumentar que "non ten sentido" a súa aplicación, indicou que se pretende tamén "desmantelar a rede rural" e prescindir de "servizos" en localidades máis pequenas. En canto á folga, e á espera de datos definitivos, cifrou no alto o seguimento.

As protestas leváronse a cabo nunha xornada de mobilizacións convocada por todos os sindicatos con representación na entidade que reprochan á dirección que "siga empeñada en defender unha postura radicalmente contraria aos intereses do persoal". Tamén reclaman reducir o número de saídas e que estas sexan voluntarias, así como unha homologación salarial entre o persoal procedente de Caixabank e Bankia.

Protesta de traballadores de Caixabank contra o ERE
Protesta de traballadores de Caixabank contra o ERE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta