O PP veta reclamar as competencias para Galicia en meteoroloxía

Vota en contra dunha proposta do BNG que denuncia que "non fai falta que o disimulen declarando o seu amor á Garda Civil porque a realidade é que non queren o autogoberno".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2021 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O Grupo Popular tombou, grazas á súa maioría absoluta no Lexislativo autonómico, a proposición lexislativa do BNG para reclamar ante o Estado a transferencia das competencias en meteoroloxía, un traspaso que o PP non considera "prioritario" como si ve na xestión da AP-9 ou no dominio marítimo terrestre.

A proposta do Bloque, que contou co apoio do Grupo Socialista, foi rexeitada cos votos en contra do PP, cuxa deputada Marisol Díaz Mouteira defendeu que o seu partido e, por extensión, a Xunta si están dispostos a reclamar o traspaso das competencias en meteoroloxía, pero só as relativas aos avisos para os servizos de emerxencia.

"Galicia ten hoxe outras prioridades, como a AP-9 e a xestión do dominio marítimo terrestre. Esas son as prioridades e as demandas do Goberno glalego e isto é o que apoia o Grupo Popular", manifestou Díaz Mouteira, que defendeu que Galicia "xa conta" cun servizo "con plena capacidade" como é Meteogalicia que "simplemente" necesita que as súas predicións teñan "validez xurídica" para avalar actuacións en materia de emerxencias.

Antes, durante a defensa da iniciativa lexislativa, o deputado do BNG Luís Bará cargara contra a "parálise" dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo en materia de autogoberno que, para o nacionalista, resúmense en 12 anos sen que se transferiron competencias á Comunidade galega.

Ante esta "parálise", Bará acusou ao PP de ser "unha fraude e unha estafa" para o autogoberno de Galicia ao actuar "con submisión aos sectores máis reaccionarios do Estado". "Non fai falta que o disimulen declarando o seu amor á Garda Civil. A realidade é que non queren o autogoberno", dixo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visita a sede de Meteogalicia. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visita a sede de Meteogalicia. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta