A Audiencia Nacional dá a razón aos sindicatos e Paradores terá que compensar ao seu persoal

A empresa deixou sen pagar diversos complementos salariais ao persoal con motivo do estado de alarma.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/06/2021 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A Audiencia Nacional estima parcialmente a demanda presentada contra Paradores, presentada por CCOO e outros sindicatos. Segundo os denunciantes, con motivo do estado de alarma, a empresa deixou sen pagar diversos complementos salariais ao persoal, causándolles un notable prexuízo económico.

Sede de Paradores. PARADORES
Sede de Paradores. PARADORES

Ante a negativa a corrixir a situación, os sindicatos acudiron á Xustiza, que agora dá a razón á representación legal do persoal. A sentenza, que ten carácter executivo, obriga a Paradores a aboar a prima de produción, atendendo á percibida por cada traballador ou traballadora no mes de marzo do 2020.

No referente ao complemento de manutención, deberase aboar conforme ao valor económico fixado nas táboas salariais do convenio. En canto ao complemento de nocturnidade, aboarase cunha recarga do 25% do salario base para quen, durante o período entre o 14 de abril e o 24 de xuño do 2020, tivo que prestar servizos entre as 22:00 e as 06:00 horas (conforme as quendas horarias mensuais establecidas). Por último, o complemento de quenda partida pagarase segundo o valor fixado nas táboas salariais (novamente, para o persoal que así o

fixo entre o 14 de abril e o 24 de xuño.

Desde a Federación de Servizos de CCOO instan a Paradores a acatar xa a sentenza, pois só cabe recurso de casación perante o Tribunal Supremo, para non dilatar máis a solución nin aumentar o custo para o erario, xa que se trata dunha empresa pública «e o diñeiro dos recursos sae dos petos de todas e todos nós.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta