O PP rexeita a proposta do PSdeG de reforzar o persoal do Sergas con 5.000 novas prazas

Os socialistas reclaman á Xunta a elaboración dun informe sobre a eventualidade dos sanitarios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/06/2021 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O Partido Popular rexeitou este martes unha moción a través da que o PSdeG reclamaba á Xunta a elaboración dun informe sobre a situación laboral específica da eventualidade no Sergas e iniciar en 2021 un plan de reforzo do persoal co incremento en 5.000 novas prazas.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal.

A iniciativa, que contou co apoio do BNG, foi defendida no pleno da Cámara galega polo portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, quen reclamou incorporar ao cadro de persoal a todos os traballadores que encadeasen contratos eventuais de forma regular no Sergas por un volume igual ou superior a 300 días durante os últimos dous anos.

Torrado criticou que a Xunta limite os problemas laborais dos profesionais sanitarios a "unha cuestión de diñeiro". "É erróneo, maquiavélico e perigoso", advertiu o socialista, que acusa a Xunta de xeneralizar unha xestión administrativa "caciquil, errónea e sistemática".

Neste sentido, citou sentenzas xudiciais contra a contratación temporal "torticeira e fraudulenta", así como as conclusións do Consello de Contas sobre "carencias" do Sergas á hora de presentar as contas.

Ademais, propuxo que os integrantes da Comisión de Sanidade realicen unha visita a 10 centros de saúde para escoitar de primeira man a situación laboral "real" dos profesionais" e asegurou que é "mentira" que os médicos rexeiten contratos de 60.000 euros anuais por tres anos cun horario de 8,00 a 15,00 horas nos centros de saúde. "Esta proposta non existe, é unha trampa", denunciou.

APOIO DO BNG

Pola súa banda, o BNG presentou unha emenda á moción a través da que pedía solicitar ao Goberno do Estado a eliminación da taxa de reposición. A pesar de que esta proposta non foi aceptada polos socialistas, por considerar que "desfocalizaba o asunto", os nacionalistas apoiaron a iniciativa e lembraron que xa presentaron iniciativas na Cámara co obxectivo de reforzar a sanidade.

Na súa intervención, a parlamentaria Montse Prado acusou aos populares de "non querer ver" a situación da sanidade pública galega, "un sistema totalmente infradotado de persoal". Así, puxo o exemplo da enfermaría ao asegurar que o número de profesionais está "moi por baixo" dos cocientes do conxunto do Estado, cuns profesionais "en situación de eventualidade durante 10 ou 14 anos".

O PP PIDE ELIMINAR A TAXA DE REPOSICIÓN

A moción defendida polo socialista Julio Torrado non saíu adiante ao contar co voto en contra do Grupo Parlamentario Popular cuxa deputada Encarna Amigo emprazou o parlamentario do PSdeG a "interceder" ante o Goberno de España para que elimine a taxa de reposición.

"No momento no que a elimine definitivamente, o Servizo Galego de Saúde ofertará preto de 3.000 prazas para a estabilización dos profesionais da sanidade pública galega". "Esta cifra, xunto coas máis de 2.000 prazas convocadas entre os anos 2020 e 2021, suporía a incorporación de máis de 5.000 profesionais", dixo.

Este aspecto foi replicado por Torrado, quen asegurou que a súa formación ofertou vincular a eliminación da taxa de reposición ao compromiso da Xunta de proceder a convocar as prazas de persoal necesario, unha proposta que, conforme indicou, rexeitou o PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta