Afundación e Abanca entregarán máis de 40.000 menús durante as vacacións a escolares de familias vulnerables

O programa 'Cubertos' desenvolverase nos meses de xullo e agosto na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2021 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

Afundación e Abanca porán en marcha, en colaboración con concellos e entidades sociais, o programa 'Cubertos', que proporcionará 44.000 menús saudables, 1.000 diarios, a menores en risco de pobreza ou exclusión social do sete principais cidades galegas durante as vacacións escolares.

O obxectivo de 'Cubertos', segundo informa Afundación nun comunicado, é apoiar ás familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da covid-19, garantindo ás nenas e nenos unha alimentación saudable durante o verán, período no que se interrompen os programas de bolsas comedor.

Esta é a terceira edición do programa, que se iniciou no verán de 2020 e continuou durante as vacacións de Nadal, e que obtivo recentemente o premio na categoría de Acción Social, outorgado por CECA a nivel estatal.

O programa 'Cubertos' desenvolverase nos meses de xullo e agosto na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio.

En palabras do presidente de Afundación e director xeral de Responsabilidade Social e Sustentabilidade de Abanca, Miguel Ángel Escotet, "a pandemia da covid-19, que sacudiu á humanidade completa, puxo de relevo a importancia vital do concepto de confraternidade, de solidariedade, entendendo que vivir é sinónimo de axudar, de coidar e de estar en relación cos nosos semellantes".

15 PUNTOS DE RECOLLIDA

Para o programa, destácase o labor "imprescindible" dos 100 membros do equipo da Obra Social de Abanca e os 120 voluntarios e voluntarias tanto de Abanca como de Afundación, que velarán polo seu correcto funcionamento, preparando a distribución, entregando os menús e atendendo ás familias.

Así mesmo, habilitaranse un total de 15 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias, con localizacións que se acomoden ás súas necesidades.

Os menús prepararanse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio.

Ademais, na elaboración dos menús atenderase ás necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades.

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet. ABANCA
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet. ABANCA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta