Piden non tirar foguetes en San Xoán para evitar danar "os animais e as persoas"

Amigos das Cegoñas vén de se sumar a unha demanda popular que circula dende hai días nas redes sociais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2021 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A celebración de San Xoán é un día grande no calendario español e tamén galego. Coincidente co peche das aulas de primaria e secundaria, marca, para moitos, o comezo non oficial do verán: a primeira noite dun longo rosario de días de troula e relaxación. Para celebralo, a tradición dispón unha serie de normas non escritas, como as sete herbas necesarias, o paso ritual de saltar o lume e as inesquecibles sardiñas, cada vez máis substituídas polo churrasco á brasa.

Cans de raza palleiro, autóctona de Galicia
Cans de raza palleiro, autóctona de Galicia | Fonte: Club da Raza Can de Palleiro.

Unha tradición que comeza a ser cada vez máis cuestionada é a dos foguetes. Nos últimos anos vén medrando a sensibilización de determinados colectivos sociais fronte a esta práctica que, sosteñen, resulta prexudicial para a fauna da contorna, entre eles os cans --aqueixados polo seu fino sentido do oído-- e as aves.

Esa é a razón pola que a plataforma verde Amigos das Cegoñas vén de se sumar á demanda popular contra o lanzamento de foguetes na noite de San Xoán, que dende hai xornadas circula polas redes socias e, dentro destas, os círculos galegofalantes. A reivindicación vén de ser replicada por Ecoloxistas en Acción en forma de rechouchío.

O pasado mes de decembro, a asociación animalista Libera xa lanzara unha campaña baixo o título '#CeroPetardos' para sensibilizar sobre os "múltiples efectos negativos" que o lanzamento de foguetes e artefactos similares carrexa para animais e persoas. Por iso demandaban á cidadanía que procuraran "alternativas" nas cales non resultaran afectados estes colectivos vulnerables, nos cales incluían "desde bebés e persoas maiores ata aqueles cidadáns con Trastornos do Espectro Autista (TEA) ou con hiperacusia"

Segundo sinalaron dende a asociación no seu momento, as detonacións dos foguetes "poden xerar reaccións de ansiedade e terror". "O estoupido dun foguete pode chegar a xerar 190 decibeis, moi por encima dos 65 que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS)", lembrou Libera. Ademais dos trastornos que poden provocar estes artefactos nas persoas, a asociación indicou que poden provocar "moitos danos" aos animais, cuxo sistema auditivo "é máis sensible", xa que pode provocar reaccións de pánico e medo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta