Convocan a cribados a 510 estudantes de Pontevedra tras casos en Bacharelato por viaxes e festas de fin de curso

Ademais nos institutos pontevedreses, tamén levarán a cabo un cribado do colexio SEK de Poio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2021 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés convocou a 510 estudantes a cribados voluntarios para detectar posibles casos de Covid-19 entre asintomáticos tras os contaxios rexistrados por mor de viaxes de fin de curso e festas de gradación entre alumnado de Bacharelato.

Segundo informou a área Sanitaria de Pontevedra, durante as mañás deste mércores e do próximo domingo 27 de xuño efectúa no punto Covid emprazado no aparcadoiro exterior do Hospital Provincial novos cribados voluntarios con PCR a alumnado de segundo curso de Bacharelato dos institutos pontevedreses Sánchez Cantón, Sagrado Corazón, o IES Xunqueira I e II, así como o colexio SEK de Poio.

En concreto, as mañás deste mércores e xoves leva a cabo o cribado con PCR ao alumnado do Sánchez Cantón, mentres que o venres 25 terá lugar outro entre estudantes do Sagrado Corazón e SEK Atlántico. Pola súa banda, o domingo 27 levará a cabo un cribado con PCR a alumnado do IES Xunqueira I e II de Pontevedra.

Esta nova iniciativa preventiva para a detección de casos de Covid-19 na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés convócase por mor da incidencia de casos de coronavirus entre alumnado de segundo curso de Bacharelato detectados tras as "tradicionais viaxes de fin de curso" e mesmo, engaden as mesmas fontes, "algunha festa de gradación" con presenza de poboación nova.

Un cribado en Galicia
Un cribado en Galicia | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta