Luces e sombras na batalla contra a violencia de xénero

Nos últimos días, sucedéronse varios acontecementos reveladores: a confirmación da morte dunha das dúas rapazas desaparecidas hai unhas semanas en Tenerife, o asasinato dunha muller andaluza de 17 anos -embarazada de 4 meses- pola súa ex-parella (de 23 anos) e a constatación do medre espectacular dos episodios de violencia de xénero a partir do remate do estado de alarma.

Por Xesús Veiga | Compostela | 24/06/2021

Comparte esta noticia
Xa sabiamos que a violencia contra as mulleres constitúe un grave problema estrutural das sociedades nas que habitamos. O establecemento do estado de alarma contra a pandemia conxelou temporalmente as estatísticas, confirmando que os episodios de maltrato gardan unha relación directa co nivel de autonomía que posúen as mulleres a respecto das súas parellas masculinas. Os casos rexistrados en Canarias e Andalucía colocan en riba da mesa dúas circunstancias moi preocupantes: o incremento da chamada violencia vicaria e a idade dos homes causantes deses actos criminais. A pesar de nacer nunhas décadas -anos 80 e 90 do século pasado- que ofrecían mais posibilidades para unha socialización en valores favorábeis á igualdade entre homes e mulleres, estes vitimarios demostraron un nivel de crueldade que interpela aos distintos responsábeis institucionais mais tamén ao conxunto do corpo social e, singularmente, á poboación masculina.
 
Se collemos a perspectiva temporal dos últimos 40 anos, o balance do combate contra a violencia de xénero ofrece importantes luces e, tamén, desacougantes sombras. Entre as primeiras, destacan dúas. Por unha banda, o desenvolvemento dun amplo movemento de concienciación e protesta pilotado por grupos organizados de mulleres moi activos e cunha notábel diversificación xeracional. E, complementariamente, o xurdimento de novas regulacións legais e a utilización de maiores volumes de recursos humanos e materiais para facer fronte a semellante desafío comunitario. Sen a existencia da primeira premisa -a reacción no seo da propia sociedade- non disporiamos das normativas e dos dispositivos que, a pesar das deficiencias que aínda presentan, permiten unhas posibilidades  de actuación que anteriormente non se coñecían.
 
Nos últimos anos teñen aparecido algunhas sombras neste proceso. A mais visíbel foi a consolidación dunha forza política -Vox- que nega explicitamente a propia realidade da violencia de xénero e que, sendo o terceiro grupo parlamentario no Congreso, rachou con todos os mínimos consensos construídos previamente. Cabe pensar que un dos elementos explicativos da influencia electoral acadada pola ultradereita radica na reacción agresiva daqueles homes que ven en perigo o mantemento do seu rol dominante ante o avance das ideas feministas e apoian unha involución contundente neste eido. As sombras mais agachadas remiten ás carencias e/ou incapacidades persistentes no ámbito familiar e nos circuítos educativos que dificultan vencer as resistencias que se perciben á hora de mudar os comportamentos violentos contra as mulleres.
 
Os sectores comprometidos coa igualdade deberiamos reflexionar sobre a combinación adecuada entre as medidas legais e administrativas cuxa actualización resulte necesaria e as accións que deberían ser promovidas no seo do propio tecido social. Conviría reconsiderar esa expectativa -aínda, moitas veces, operativa- de que a existencia de leis e recursos por parte das administracións públicas aseguran o remate a curto prazo do maltrato contra as mulleres. A realidade está demostrando que, certamente, é unha condición necesaria pero, desgraciadamente, non suficiente para acadar ese obxectivo tan desexábel.

Imaxe recurso de violencia de xénero. XUNTA DE GALICIA
Imaxe recurso de violencia de xénero. XUNTA DE GALICIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.