Así "abre a porta" a Xunta a vender montes comunais a pesar de que a lei o prohíbe

Unha lei aprobada o pasado de mes de maio permitiría vender a terceiros eses montes en estado de "abandono" ou que quedaran sen comunidade xestora.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os montes veciñais de Galicia poderían ver comprometido o seu futuro por unha nova regulación da Xunta. Nos últimos meses, o movemento ecoloxista e veciñal da Comunidade vén de responder con dureza aos distintos cambios legais da Consellería de Medio Rural, nos que estas plataformas ven un intento de “liberalización” que podería levar á morte o monte veciñal, unha figura que con máis de mil anos de protección legal en Galicia. 

Un monte
Un monte | Fonte: AIRE LIMPO NAS MARIÑAS DO MANDEO.

As primeiras denuncias centráronse na chamada Lei de Simplificación Administrativa, considera unha continuidade da polémica ‘Lei de Depredación’ de 2017: unha parella de normas dereguladoras ao abeiro das cales continúa medrando a avalancha eólica galega. Porén, neste caso os ollos quedan postos sobre a Lei 11/2021 de recuperación de terra agraria en Galicia, publicada no DOG o pasado 14 maio.

Esta norma de grande extensión --suma case 200 páxinas-- vén de se situar no punto de vista do ecoloxismo e algúns xuristas porque podería pór fin a unha figura clave da protección dos montes veciñais: que son inalienables, é dicir, non se poden vender. Acontece que, de acordo con fontes expertas do eido legal, a Xunta estaría a “abrir a porta” á transmisión destes montes cando a xurisprudencia española o prohibe con claridade.

BANCO DE TERRAS

A posibilidade de vender os montes veciñais asentaríase en dous artigos desta longa lei: o 36 e o 37. O primeiro deles contempla integrar as terras comunais no Banco de Terras da Xunta, un organismo polo cal a administración autonómica toma control de terreos “abandonados” para logo repartilos a quen os precise ou demande. Trátase, en fin, dun ente xestor ou mediador. 

O conselleiro de Medio Rural, José González, preside a reunión telemática do Consello Forestal.. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Medio Rural, José González, preside a reunión telemática do Consello Forestal.. XOÁN CRESPO

Este artigo 36 abre a porta a integrar no Banco de Terras todos aqueles montes veciñais en dous casos: “Cando se extinga ou desapareza a Comunidade de veciños titular do monte”, caso no que a apropiación sería provisional, ou “cando sexan declarados en estado de grave abandono ou degradación”, en palabras de Cristina Bugarín González, avogada afincada en Vigo que vén de estudar con detemento a lei de recente aprobación. 

VENDA A TERCEIROS

“Tal integración non tería, en principio, especial problema”, explica Bugarín; que subliña que mesmo podería favorecer a explotación dos montes que quedaran abandonados ou sen comunidade xestora. O problema chega co artigo 37, porque é aquí onde a Xunta estaría abrindo a porta á venda das leiras en man común, circunstancia que de acordo coa letrada estaría prohibida tanto na lexislación española como a na súa xurisprudencia. 

“Segundo o artigo 37 da citada Lei 11/1021, as leiras incorporadas ao Banco de terras (sen excluír os montes veciñais en man común), poderán destinarse pola vía da enaxenación ou a cesión gratuíta á conservación e mellora do patrimonio natural e á biodiversidade”, destaca Bugarín no seu blog.

De aí que, a pesar desa inalienabilidade “innata” dos montes veciñais en común, a lei desenvolta pola Xunta e aprobada o mes pasado contemplaría a posibilidade de poder vendelos. A letrada consultada por Galicia Confidencial amósase sorprendida polo xiro legal da Xunta: “Non sei se tiveron en conta que existe unha lexislación específica”, destaca.

IMPOSTOS E DIFICULTADES

A denuncia artellada arredor da lei de recuperación de terras agrarias de Galicia súmase así á listaxe de longas críticas contra unha regulación da Xunta que, de acordo con diversos sectores, vai camiño de poñer fin a unha figura legal de traxectoria milenaria na comunidade galego. Galicia Confidencial xa recolleu as problemáticas da Lei de Simplificación para este tipo de terras ou as queixas da Organización Galega de Comunidades de Montes contra os impostos “inxustos” cos que a administración popular grava estes terreos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 mensulo

Primeiro expropian de unha forma escura e agora isto....todo para beneficiar a empresas que se fan cos terreos a un prezo de risa. E se esas empresas se adicaran a agricultura terían un pase.....