Asociacións reclaman "xustiza" para os refuxiados na inauguración da exposición atacada por vándalos

A exposición 'Mira con outros ollos' recolle os nomes 40.555 refuxiados mortos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/06/2021 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas reclamou "xustiza" para os refuxiados no acto de inauguración dunha exposición conmemorativa na Alameda de Santiago, despois de que esta mostra sufrise ataques vandálicos esta semana.

Lectura do manifesto a favor das persoas migrantes durante a presentación da exposición 'Mira con outros ollos' no Parque da Alameda. CONCELLO DE SANTIAGO
Lectura do manifesto a favor das persoas migrantes durante a presentación da exposición 'Mira con outros ollos' no Parque da Alameda. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Os portavoces da asociación, Miguel Fernández e Beatriz Estévez, fixeron lectura dun manifesto no que critican "a difícil situación que viven millóns de persoas refuxiadas" e "as causas que lles obrigan a deixar os seus fogares", levándoos a situacións de precariedade ou morte.

"O recoñecemento institucional desas mortes violentas é, sen dúbida, un pequeno acto de xustiza", afirmou Miguel Fernández. O portavoz da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas lembrou que todo occidente "debe ser consciente da responsabilidade" no fenómeno da migración desde os países máis pobres.

Pola súa banda, Beatriz Estévez manifestou a "necesidade de cambiar as políticas que inflúen na migración". Pediu ao Goberno e á Unión Europea que terminen con condutas como as 'devolucións en quente' que levan a cabo estes organismos, e "polas que xa foron condenadas en diversas condicións", engadiu Estévez.

Finalmente, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, esixiu a existencia dun compromiso por parte do conxunto de actores políticos e sociais "en contra de bulos, mensaxes xenófobas ou discriminatorias contra a poboación migrante".

Tanto os representantes do colectivo social como o primeiro edil compostelán mostraron a súa condena unánime aos actos vandálicos que sufriu a exposición os pasados 19 e 20 de xuño, con dous ataques nos que romperon ata sete paneis.

Unha actuación que Bugallo tachou de "acto ideolóxico" nunha rolda de prensa o pasado 21 de xuño, na que o alcalde asegurou que o ataque fora unha acto "vergoñoso" e "miserable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta