Feijóo critica que a repartición de fondos europeos se faga por "cores políticas"

Di que Galicia "sempre sae prexudicada na repartición".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/06/2021 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, criticou este xoves que a pesar de que "a pandemia non entende de cores políticas, lamentablemente na repartición dos fondos europeos hainos".

Alberto Núñez Feijóo nun acto da Xunta sobre fondos europeos Next Generation
Alberto Núñez Feijóo nun acto da Xunta sobre fondos europeos Next Generation | Fonte: Xunta de Galicia.

Feijóo fixo ese reproche na conferencia de prensa posterior á reunión semanal do seu gabinete e denunciou os criterios aplicados na repartición de fondos por parte do Executivo central despois de que, ao seu xuízo, Galicia sae prexudicada das axudas post-covid.

"Ocorreu tanto no primeiro fondo covid como no segundo, e no fondo dos autónomos fomos os que menos diñeiro recibimos sendo a Comunidade que ten un 7,2 % dos autónomos de España", incidiu. En base a esta situación na que Galicia "sempre sae prexudicada na repartición" segundo o mandatario galego, asegurou que a Xunta estudará a repartición dos fondos Next Generation para facer unha avaliación "global, seria e documentada".

Feijóo lamentou que con este tipo de repartición por "cores políticas", o Goberno central "vulnera, rompe e creba o sistema de financiamento autonómico", salientou. "É a primeira vez en corenta anos que se están repartindo miles de millóns de euros rompendo o sistema de financiamento autonómico" para adxudicar os fondos "en función do que interesa ao Goberno na súa estabilidade parlamentaria".

Ante esta situación, advertiu de que "o Goberno galego non pode calar nin mirar para outro lado" polo que indicou que este asunto será "tratado no Parlamento galego con luz e taquígrafos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Galicia leva demasiados anos saíndo perxudicada en case todo o que vén de Madrid, mesmo cando os parlamentarios galegos sentan no Congreso os resultados seguen a ser patéticos ! Se non pensan tomar decisión algunha no Parlamento Galego (porque a lei o impide) case mellor que nos aforren o Pleno Monográfico ! Deixamos morrer as Caixas regalándollas a Abanca ! Deixamos caer FENOSA nas mans de Naturgy (agora xa italiana) ! Desfalcamos a Fundación Barrié e regalamos o Banco Pastor ao Santander por 1 €uro ! Cando lle daremos ao machete e cortaremos a luz aos que roubaron o noso Patrimonio ? Nunca...?