Feijóo pide prudencia e lembra que a máscara é "obrigatoria" sen distancia: "O virus segue traballando"

Ve "correcto" reducir o uso da máscara, pero insiste: non hai vacinas suficientes e haberá que manter "cautelas" ata outono.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2021 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu este venres en facer un chamamento á prudencia --co foco, sobre todo, na mocidade--, á vez que lembrou que, aínda que o seu uso se reducirá desde este sábado, segue sendo "obrigatoria" se non se pode manter a distancia de seguridade de metro e medio. "A pandemia non se acabou, o virus segue traballando", sentenciou, no encontro que mantivo en Potes (Cantabria) cos seus homólogos cántabro, Miguel Ángel Revilla, e asturiano, Adrián Barbón, que coincidiron nunha mensaxe similar ante a retirada parcial da máscara.

Feijóo remarcou que non hai vacinas "suficientes" para toda a poboación, polo que a máscara segue sendo unha práctica "útil" e é preciso axustarse á norma que fixa que en espazos interiores "máscara e distancia de seguridade", e en exteriores "elixir: ou máscara ou distancia de seguridade". En todo caso, considerou que rebaixar o seu uso é un paso "correcto" e lóxico en gran parte do territorio estatal, no rural e mesmo cando un cidadán "deambula só pola rúa".

Iso si, recalcou que a máscara segue "sendo útil" e que é "obrigatorio portala" aínda que se saia só á rúa, por se se entra nun establecemento ou nalgún momento non é posible manter a distancia necesaria en exteriores.

"ATA OUTONO CÓMPRE SEGUIR CON ESTAS CAUTELAS"

Feijóo subliñou que "a pandemia non acabou" e insistiu en que "non" hai vacinas "para todos" polo que "ata outono" será preciso "seguir" con este tipo de "cautelas". Dito isto, esgrimiu que cada comunidade fará as súas recomendacións de usar máscara "con menor ou maior intensidade" segundo a súa situación epidemiolóxica e reiterou que, baixo o seu punto de vista, no rural ou en espazos abertos este elemento xa "non era necesario".

O FOCO NA MOCIDADE

Así mesmo, tras facer fincapé na pasada xornada en que a metade de casos activos están por baixo dos 35 anos en Galicia, este venres asegurou coincidir con Revilla en que, aínda que antes a poboación vulnerable era a de maior idade, agora son os mozos. Tamén reiterou que hai na UCI menores de 30 anos e, preguntado sobre a confusión que pode xerar a norma, por exemplo, en espazos como as praias, insistiu en que a norma básica é sinxela: "Se pode manter metro e medio de distancia, sen máscara; e se non pode, póñase a máscara".

Sobre se o paso foi precipitado, contestou que a retirada parcial é unha medida "prudente e correcta" se se pode manter a distancia de seguridade, e tamén recalcou que "sempre" hai que levar a máscara encima. Finalmente, lanzou unha mensaxe clara: "Coidense, non imos estragar o traballo feito estes meses polo pouco que queda".

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo / Xunta de Galicia.  / Europa Press
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo / Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta