As vendas de agricultura ecolóxica soben un 17% e superan os 100 millóns de euros, aínda que se perden hectáreas

A superficie certificada descendeu un 7%, 2.682 hectáreas menos que en 2019.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/06/2021 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A agricultura ecolóxica rexistrou vendas duns 108 millóns de euros en Galicia en 2020, o que supón un incremento do 16,8% respecto ao ano anterior.

Presentación das cifras do Craega de 2020.
Presentación das cifras do Craega de 2020. | Fonte: CRAEGA.

Este venres presentouse en Boqueixón (A Coruña) o informe de actividade do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), nun acto co seu presidente, Francisco López, e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luís Cabarcos. No tocante ás vendas, a produción animal supón o 58% do volume total certificado.

Con todo, descendeu un 7% a superficie certificada, de forma que as hectáreas quedan nunhas 32.000 (2.682 hectáreas menos que en 2019). O Craega achaca esta situación a que se deron de baixa dúas comunidades de montes de Pontevedra. Lugo e Ourense acaparan o 82% da superficie de agricultura ecolóxica.

Así mesmo, o número de operadores aumentou en 2020 ata os 1.310, o que supón un 11% máis respecto dos que había en 2019. De tal forma, horticultores e gandeiros representan o 83% dos produtores primarios. No tocante a elaboradores, Pontevedra establécese como a provincia con maior parte das industrias (o 36%).

O presidente do Craega subliña que "o 2020, a pesar da pandemia, foi un bo ano para a agricultura ecolóxica", polo que estes datos "son un pouco excepcionais".

Pola súa banda, José Luís Cabarcos remarca que "crecer nun ano tan complexo é unha mostra da aposta do consumidor cara a un consumo responsable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta