Galegoportugués

Novo artigo da sección "Baguiño a baguiño", de Henrique Harguindey sobre a lingua galega. Desta volta sobre a vinculación entre o galego e o portugués.

Por H.Harguindey | Cangas | 08/12/2013

Comparte esta noticia

A nosa lingua é o galegoportugués. Aínda que o subgrupo da Galiza presente diferenzas coa variante portuguesa (que á súa vez presenta distintas variedades xeográficas, igual que o español) a súa unidade é indiscutíbel.

Pintura con trovadores e poetas medievais
Pintura con trovadores e poetas medievais

Orixinalmente, na Idade Media, non existía gran desemellanza dentro do galegoportugués, mais un feito sobranceiro determinou o futuro da lingua: Portugal constituiuse en reino independente e Galiza ficou sometida a Castela, sen chegar a plasmar nun reino duradoiro e senlleiro os momentos de independencia.

Istou provocou que se fosen distanciando progresivamente as variedades galega e portuguesa. En tanto que a lusa -oficializada nunha Administración soberana- foi incorporando trazos lingüísticos do sur, fundamentalmente arabismos, consonte avantaba a Reconquista, a galega -reducida a unha simple expresión oral da poboación- comezou a ser infiltrada polo español, lingua da Administración e do Poder civil, militar e eclesiástico no noso país.

O portugués sufriu tamén -nos breves momentos en que Portugal dependeu da coroa de España- unha certa penetración lingüística. Istou ocasionou, como reacción, a apertura á influencia idiomática doutras linguas coma o francés, que nun periodo decisivo nutriu o seu léxico.

O galego continuou empobrecéndose, pois, a maiores da infiltación doutra lingua, perdeu o recoñecemento das minorías con poder e peso social, e careceu dos instrumentos que dan pulo ao anovamento interno e popularizan, espallándoas, as creacións das linguas en situación normal.

Cando no século XIX unha parte desa minoría activa recupera pouco a pouco a autoestima lingüística e de país, ignora ela o gloriosa pasado da súa fala e a súa riquísima literatura medieval. E, naturalmente, a escrita propia. Por iso calca o galego sobre o español, mais non só a grafía senón o conxunto dos recursos idiomáticos.

Certo é que a nosa fala non deixara de ser empregada pola maioría do pobo galego -que a cultivou a nivel oral e tamén a arrequeceu con fermosas aportacións lingüísticas ao tesouro da nosa literatura popular- mais a nosa lingua, cuantitativamente e mais culitativamente, foi devagariño perdendo posicións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA