Aproban o ditame da comisión de reactivación, un texto que a oposición define como unha "oportunidade perdida"

O BNG alerta de que algunhas medidas do ditame "soan a preludios de novos recortes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2021 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

O ditame da comisión parlamentaria de reactivación saíu adiante este martes co apoio do PPdeG, pero entre críticas da oposición ao que BNG e PSdeG consideran un texto "moi incompleto" e unha "oportunidade perdida".

En cambio, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defende que este ditame "é un bo documento para o traballo do goberno nos próximos anos", xa que recolle máis de 400 medidas para a transformación económica e o reforzo de servizos públicos, "algunhas con apoio de todos os grupos". En concreto, subliña que se inclúen 46 transaccións alcanzadas coa oposición --17 do BNG, 28 do PSdeG e unha conxunta de ambos os grupos--.

Así, referiuse ao "longo traballo" desta comisión, con medio centenar de comparecencias e 155 informes, que "é coherente" coas políticas da UE. Defende que se abordan reformas como un novo modelo de residencias, a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a dixitalización da educación, unido ao apoio ao sector cultural e a plena igualdade de sexos.

Igualmente, Puy valora que se aposta pola transparencia na rendición de contas de fondos europeos, a axilidade na tramitación destes fondos, un novo Servizo de Emprego e Formación, á vez que non se soben impostos.

Xunto a isto, o popular lanzou reproches ao Gobienro central. Censura que Galicia está "a recibir menos fondos do que lle correspondería", á vez que demanda unha repartición que "contribúa á cohesión social".

A votación do proxecto de ditame realizouse en tres grupos de emendas. En todas, votou a favor o PPdeG, mentres o PSdeG abstívose. Pola súa banda, o Bloque votou a favor, en contra e abstívose en función de cada unha do tres votacións.

Agora, os grupos poden presentar votos particulares ao ditame de face á súa tramitación final no pleno do Parlamento galego.

A OPOSICIÓN AVISA DE "NOVOS RECORTES"

Pola súa banda, Olalla Rodil (BNG) censurou o "incumprimento manifesto" do plan de traballo para a comisión, posto que se fixou o obxectivo de que as tarefas estivesen terminadas antes de acabar xaneiro.

De tal forma, lamenta que este ditame é "continuista", mentres defende que "non se pode permitir que a crise a paguen as maiorías sociais". Aquí, alerta de que "preocupan" medidas do ditame porque "soan a preludios de novos recortes", cunha aposta pola "sustentabilidade" do gasto público.

Remarca que o Bloque presentou 182 propostas, pero bota en falta no ditame recursos para a sanidade e residencias, así como para a ciencia. Recrimina que non hai ningún compromiso para que a metade da poboación poida acceder a centros de día, á vez que os populares rexeitan comprometerse a dedicar o 25% do orzamento da Consellería de Sanidade a mellorar a Atención Primaria.

No debate, Gonzalo Caballero explicou que o PSdeG decidiu absterse no ditame para "tender a man" de face a que os populares se abran a alcanzar acordos na sesión plenaria. Iso si, avanza que se non hai melloras, os socialistas estarán "enfronte" porque este informe "suspende" e "abandona" aos galegos.

Os socialistas presentaron máis de 300 propostas de resolución, pero os populares só aceptaron 10 propostas e 28 transaccións con base nestas iniciativas, quéixase. Entre outras medidas, demanda a creación de 2.000 prazas públicas en residencias, sacar 5.000 novas prazas en sanidade e a contratación de 2.000 investigadores.

Caballero avisa de que non poden ser "cómplices" dun "fracaso" da Administración galega que "carece de estratexia de reactivación". E é que reduce o texto a "ideas xenéricas, "unha carta aos Reis Magos".

Foto de arquivo da comisión de reactivación do Parlamento galego. PARLAMENTO
Foto de arquivo da comisión de reactivación do Parlamento galego. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta