Condenan o Sergas a indemnizar con 100.000 euros á familia dunha falecida de cancro por atrasos no diagnóstico

O TSXG cre que "de actuarse con maior dilixencia" para ter un diagnóstico, o deselance podería ter sido distinto.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/07/2021 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou o Servizo Galego de Saúde a indemnizar á familia dunha muller falecida na Coruña no ano 2016 por un cancro de ovario no que o atraso de meses no diagnóstico da enfermidade --que chegou nunha clínica privada-- "puido motivar un avance significativo na súa progresión".

Hospital da Coruña
Hospital da Coruña | Fonte: Europa Press.

"De actuarse con maior dilixencia e celeridade no diagnóstico, outro posiblemente fose o resultado". Así o sentencian os maxistrados da sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo nun fallo no que estiman o recurso de apelación presentado pola familia da falecida contra a sentenza do xulgado na que daba a razón á Administración autonómica no proceso aberto tras a morte desta muller.

Agora, a sala do Alto Tribunal galego, nunha decisión contra a que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, cambia o criterio e ve relación entre as dilacións do proceso para o diangóstico do cancro e que este derivase na morte da muller.

Esta persoa, cando tiña 62 anos, acudiu por primeira vez ao servizo dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) en abril de 2015 para solicitar axuda por unha dor abdominal que sentía desde había uns nove meses.

Nese momento practicóuselle unha ecografía que, segundo reflicte a sentenza, arroxou uns resultados que eran "compatibles coa normalidade" e, por tanto, "non había sospeita algunha nin de cancro de ovario, nin de carcinomatose peritoneal".

Con todo, a dor persistía, o que levou á muller a acudir en case unha decena de ocasións a distintos servizos do Sergas na área sanitaria da Coruña polo mesmo problema. Entre medias, as dores abdominais continuaron, acompañads en ocasións de naúseas, durante uns catro meses nos que a paciente perdeu 4 quilos de peso.

En outubro de 2015, a muller acudiu ao centro de saúde do barrio do Ventorrillo. Alí prescribíuselle Flatoril e tramitóuselle cita para Consulta con Xinecoloxía por sospeita de prolapso uterino para o 29 de agosto de 2016. Ademais, o facultativo rexeitou pedir unha ecografía abdominal por existir o realizada catro meses antes e na que non figuraban indicios sospeitosos dunha posible enfermidade oncolóxica.

Menos dun mes despois, a paciente recorreu a unha clínica privada, onde se lle practicou un TAC de forma urxente que revelou a existencia dun tumor no ovario que presentaba metástase. Catro días máis tarde, o CHUAC ratificou o diagnóstico.

A muller iniciou un tratamento radiolóxico para combater o tumor en xaneiro de 2016, pero non foi suficiente para reverter a enfermidade e faleceu en setembro dese mesmo ano.

"Atopámonos ante unha clara perda de oportunidade, en canto se demoraron en exceso os medios de diagnóstico que esixía a situación clínica e non se actuou coa celeridade e dilixencia que o caso requiría", aseveran os maxistrados na súa sentenza.

Para os xuíces, "basta con ler con detemento" a cronoloxía dos feitos "para apreciar a tardanza no diagnóstico" e remarcan que "non hai que ser especialista en medicina" para "ser consciente de que unha muller de 62 anos" que acode aos servizos de urxencias cos síntomas que presentaba esta paciente "debe levantar, xa en principio, a sospeita dunha doenza xinecolóxica".

Apuntan ao erro dos equipos médicos á hora de centrarse na exploración do aparello dixestivo en lugar do xinecolóxico. "E ese atraso é obvio que tivo repercusión na gravidade e prognóstico de futuro de quen padece un cancro como o detectado", apostilan na súa sentenza.

Así as cousas, inciden en que a sala non pon en cuestión o tratamento aplicado á falecida tras descubrirse o tumor na consulta privada, senón o que censura é que "a tardanza" no diagnóstico "de tan cruel enfermidade puido motivar un avance significativo na progresión" da doenza e que, de actuarse "con maior dilixencia e celeridade", o deselance podería ser distinto.

"E é precisamente esta incerteza a que caracteriza á chamada teoría da perda de oportunidade", sinalan os xuíces, que tamén poñen en cuestión os argumentos da sentenza do xulgado coruñés que deu a razón ao Sergas no litixio contra a familia.

"A sentenza recorrida é un claro exemplo dos dispares camiños que, en ocasións, percorren, por unha banda, a docencia universitaria e, por outro a práctica do foro xudicial. Dita resolución xurisdicional contén unha lección maxistral, habitual na Cátedra, pero tan teórica, como afastada da práctica forense, acerca da responsabilidade patrimonial da Administración e da doutrina da desviación procesual", engaden os xuíces.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta