Chumbo e pluma, a rula non está e a Xunta non a espera

A Comisión Europea ten aberto un proceso por infracción da Directiva Aves que podería supor unha multa millonaria a todos os galegos e galegas. Lonxe diso, a Xunta autoriza a media veda na Limia e "abre a porta ao furtismo". Entidades conservacionistas censuran "o biocidio" da rula e alertan dunha "falsa moratoria" da súa caza.

Por Alicia Casas | Compostela | 12/07/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Unha rula que se foi polo medio e medio do outono por entre as bidueiras é unha das tantísimas imaxes que brindou Álvaro Cunqueiro na súa poesía e tamén a imaxe dunha ave que se vai xa non porque migre senón porque cada vez quedan menos. A rula, miña rula, ruliña, é paxaro de parella única que se cadra por iso identifícamos co amor. A rula arrola, é o seu canto, e o arrolar son as cancións ou as palabras doces e o balanceo dun neno nun berce que se quere adormecer. Tur-tuur-tuur...

Rula ou tórtola común./ Fonte: SEO/BirdLife.
Rula ou tórtola común./ Fonte: SEO/BirdLife.

Malia ser unha especie en relativa abundancia, dende as últimas décadas é unha especie en marcada regresión no conxunto de Europa. Segundo datos do programa SACRE de SEO/BirdLife, presentou un declive poblacional no Estado do 32% entre o 1998 e o 2019. E a presenza da rula en España ten ademais unha moi significativa importancia no conxunto de Europa.

Entidades conservacionistas levan anos alertando da ameazante situación na que se atopa a rula, advertindo da necesidade de levar a cabo medidas para a adecuada xestión do seu hábitat, así como de non autorizar o aproveitamento cinexético da especie tendo en conta o seu estado de conservación desfavorable. Non foi senón agora, dado o actual contexto no que a Comisión Europea ten aberto un proceso por infracción da Directiva Aves contra España que podería desenlazar nunha multa millonaria, cando moitas das comunidades se decidiron a prohibir a súa caza. É o caso de Galicia, que na Resolución anual de caza para a tempada 2021/2022 establece unha cota de 0 exemplares.

Establece nesta orde de vedas unha moratoria da caza, queda prohibida. Pero mantense, comezará dentro dun mes, a media veda na Limia. A Limia é o espazo onde se concentran as máis importantes poboacións de rula en Galicia e a media veda comezará antes de que remate o seu período de reprodución (finais de agosto). A Limia forma parte da Rede Natura 2000 e é Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA). Aínda que entidades conservacionistas denuncian "opacidade" de datos por parte da Xunta, segundo datos oficiais no período 2014-2019 matáronse 3.870 rulas.

Na media veda deste ano non se poderá cazar esta especie, pero si o pombo ou o paspallás. "Entón, como discriminas ti os tiros? Como sabes se o disparo foi a unha especie cinexética ou para a rula? Como distingues os tiros legais dos ilegais?", di Ana Varela, da Asociación Petón do lobo. "Que vai ter a Xunta? Un axente medioambiental vixiando a cada cazador?", zanxa. 

"Biocidio" ou "falsa moratoria" é como lle chama a Sociedade Galega de Historia Natural ao que está facer a Xunta coa rula, e faino nun comunicado asinado por máis de 24 colectivos naturalistas entre os que se atopa tamén a Asociación Ambiental Petón do lobo. Ana Varela fala tamén de "ocultismo", pois na orde de vedas fálase dun "plan de xestión adaptativo" da especie que ninguén viu e nin está nin se lle espera: "ese plan de xestión do que falan non consta en ningunha páxina oficial e pedimos acceso a el e non nolo deron, xa incumpriron os prazos, non sabemos se é un plan do Ministerio ou se o sacan eles da manga ou se o presentou calquera entidade interesada, hai unha desinformación absoluta".

Di tamén Ana Varela que, "imaxina", ese plan do que fala a Xunta será aquel que presentou a Fundación Artemisan ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Pero que, en calquera caso: "ese plan non está adaptado a Galicia, aquí a solución pasa por prohibir a media veda na Limia". "Sabemos que hai un declive do hábitat e que hai unhas medidas para reorientar ese hábitat, sabemos que é unha especie con certa dependencia da auga, sabemos que como se alimentan de graos haberá que facer sementeiras, pero non sabemos absolutamente nada do que vai facer a Dirección Xeral de Patrimonio natural ao respecto", conclúe.

O certo é que á rula, malia a súa desprotección, podémola atopar no Libro rojo de las aves de España e existe un Dictame do Comité Científico a favor de incorporala no "Catálogo Español de Especies Amenazadas" na categoría de "vulnerable", respecto do que a Xunta votou en contra.

Noutra orde de cousas. Noutro comunicado, asinado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía, ADEGA, SGHN, GEAS, GREFA e SEO BirdLife (Grupo Local Pontevedra), as entidades censuraban o que vían como trato de favor por parte Administración autonómica á caza e á pesca. Denunciaban que, nun momento marcado polas restricións impostas pola pandemia, a Xunta autorizaba con claridade esas actividades mentres que outras que se desenvolven na natureza quedaban "no limbo da interpretación". Remataban afirmando "agardamos que á hora de tomar decisións o peso da pluma poida ser igual que o do chumbo"

E é a alma tua a quen despides como un ave/ nunha mañán de primavera/ ou nun serán de outono (Díxenlle á rula, Herba de aquí ou acolá).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta