Dez galegos vinculados ao brote de Mallorca permanecen illados nun hotel da illa tras dar positivo

Os cinco positivos que chegaron de Mallorca permanecen illados nos seus propios domicilios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2021 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que 10 mozos galegos vinculados ao 'macrobrote' das viaxes de fin de curso de Mallorca deron positivo en covid-19 e permanecen illados nun hotel da illa.

Comesaña ratificou o dato na presentación do proxecto 'O futuro para a sanidade pública de Ourense', onde tamén estivo presente o presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que sinalou, sobre os 10 positivos galegos en Mallorca, que "o que procede" é que finalicen a corentena na illa, "salvo que haxa algunha novidade posterior".

"Todo parece indicar que de saúde están ben e controlados. Esperamos que non haxa que lamentar ningunha incidencia na evolución da covid", explicou Núñez Feijóo en Ourense, onde subliñou, ademais, que Comesaña está "en contacto permanente" co seu homólogo balear "para ver como evoluciona a cuestión".

5 POSITIVOS ILLADOS EN GALICIA

A Consellería de Sanidade confirmou que os cinco positivos detectados entre os mozos vinculados ao 'macrobrote' de Mallorca que chegaron este xoves a Galicia desde a illa permanecen illados nos seus propios domicilios.

Dispositivo de seguridade ante a chegada ao porto de Valencia do ferry onde viaxaban 165 dos mozos que estiveron confinados no 'hotel ponte' Palma Bellver de Palma de Mallorca por un ?macrobrote? de coronavirus.. Rober Solsona - Europa Press
Dispositivo de seguridade ante a chegada ao porto de Valencia do ferry onde viaxaban 165 dos mozos que estiveron confinados no 'hotel ponte' Palma Bellver de Palma de Mallorca por un ?macrobrote? de coronavirus.. Rober Solsona - Europa Press | Fonte: Europa Press


Os outros 16 estudantes permanecerán en corentena ata que se lles repita a PCR, en 72 horas, tal e como se estipulou no protocolo, avanzado este xoves polo presidente da Xunta, Núñez Feijóo, para os casos vinculados ao brote mallorquino.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o titular do Executivo galego detallou un plan de acción co que "os pais están maioritariamente de acordo". Así, unha vez en Galicia, aos mozos realizóuselles unha proba PCR.

O resultado positivo na proba implica gardar corentena, como é o caso dos cinco positivos contabilizados ata o momento. Os negativos deberán repetir o test ás 48 ou 72 horas, sinalara Feijóo.

En caso de repetirse o negativo nesta segunda proba "e non ser contacto estreito", o mozo "sería dado de alta". Se se tratase dun contacto estreito, a pesar do negativo na segunda PCR, o estudante debería gardar unha corentena.

21 GALEGOS TRASLADADOS

Este xoves, 21 estudantes galegos saíron de Mallorca no barco fretado polo Goberno balear para os mozos vinculados ao brote de coronavirus relacionados coas viaxes de fin de curso.

No barco viaxaban un total de 118 mozos que, tras aloxarse polo macrobrote no 'hotel ponte' Palma Bellver, chegaron sobre as 17,00 horas deste xoves ao Porto de Valencia, para partir finalmente ás súas comunidades autónomas.

No porto, foron recibidos por un dispositivo coordinado pola Generalitat, con medios despregados polas tres comunidades autónomas de onde son orixinarios os estudantes --Madrid, Andalucía e Galicia--.

A Xunta puxo a disposición dos estudantes un autobús, para aqueles que no test de antíxenos ao que tiveron que someterse á súa chegada a Valencia, resultasen negativos. O dispositivo, reforzado por un amplo despregamento de forzas de seguridade, tiña previstas ademais solucións por se se daban casos positivos que necesiten viaxar illados do resto.

No caso da Comunidade Galega, habilitouse unha ambulancia na que, finalmente, viaxaron de volta a Galicia cinco estudantes, positivos no test de antígenos. Na ambulancia viñan acompañados por persoal sanitario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta