Aberta ao tráfico en Pontevedra a nova estrada que conecta Tafisa e Os Campos

O alcalde de Pontevedra valorou o "bo resultado" da intervención que permite "permeabilizar a rede viaria entre os dous barrios" deixando máis liberados os paseos peonís da avenida de Buenos Aires.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2021 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra abriu ao tráfico este venres a nova estrada que conecta co lugar de Os Campos, na parroquia de Mourente desde as parcelas da antiga fábrica de Tafisa.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiu este venres á apertura deste viario acompañado do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e do coordinador do Rural, Alberto Oubiña, xunto a veciños da zona, técnicos municipais e de representantes da empresa adxudicataria Ramírez.

Lores valorou o "bo resultado" da intervención que permite "permeabilizar a rede viaria entre os dous barrios" deixando máis liberados os paseos peonís da avenida de Buenos Aires. O rexedor destacou que esta zona de Mourente vive unha reformulación tanto de tráfico como de espazos para conformar a nova centralidade parroquial.

Os traballos finalizaron nesta semana co pintado e a colocación da sinalización vertical en toda a vía e tamén nos seus entroncamentos. O alcalde recoñeceu que a obra tivo algunha dificultade debido á colaboración dalgunhas empresas de servizos para a retirada de postes, pero finalmente quedou unha vía con nova iluminación, con canalizacións soterradas para poder baixar a liña de media tensión que pasa pola zona e tamén se fixeron melloras como o asfaltado da rúa do Outeiro.

Fernández Lores agradeceu a colaboración dos veciños no proxecto e engadiu que no goberno local está "encantado de que a obra a fixese unha empresa de Pontevedra que está a traballar ben".

Esta nova estrada, de 605 metros, ten dous carrís de tráfico, de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarrúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros. Inclúe os parámetros de rebaixa de tráfico e de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil e ciclista propios do "Modelo Pontevedra".

A execución do proxecto inclúese dentro do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra mediante o cal o organismo provincial ocupouse da expropiación dos terreos e o Concello asumiu a licitación e a execución da obra. O orzamento da vía ascendeu a 1.576.674 euros entre proxecto e expropiacións.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta