O BNG considera que os cambios anunciados nas pensións supoñen "novos recortes"

Néstor Rego lamenta que os cambios manteñan "os aspectos máis regresivos" de reformas anteriores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2021 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cargou contra os cambios anunciados este xoves polo ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, no sistema de pensións porque "manteñen os aspectos máis regresivos" de reformas anteriores, como é o caso da xubilación aos 67 anos e a penalización nos primeiros meses de xubilación anticipada.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres xunto á portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, o representante dos nacionalistas galegos nas Cortes criticou tamén a "pretensión do Ministerio de que non haxa xubilación obrigatoria, senón que sexa unha decisión das persoas".

Para Rego, isto é "inxusto" para quen "traballou toda unha vida" e vai "na liña equivocada do que se precisa neste momento" cun desemprego xuvenil de máis do 40 por cento. No caso de Galicia, apuntou que "máis de 300.000 galegos" tiveron que marcharse "porque non atopaba traballo".

Por iso, "incentivar que a xente se manteña no traballo" antes da súa xubilación "o único que vai provocar é que os mozos teñan máis dificultades de incorporarse ao mundo laboral", agregou.

Neste contexto, o nacionalista reclamou non só a revalorización das prestacións ao IPC, senón a subida das pensións mínimas "ata igualalas ao Salario Mínimo Interprofesional", unha medida recollida "na Carta Social Europea que está a incumprir o Goberno".

Non en balde, Rego apuntou que Galicia conta con "as pensións máis baixas do Estado", polo que tería un efecto "moi positivo" para "reducir as dúas brechas existentes" nesta materia: a de xénero --entre homes e mulleres-- e a territorial --entre diferentes comunidades--.

Así mesmo, o deputado do BNG lamentou que Escrivá anunciase "novos recortes" cun aspecto "similar" ao factor de sustentabilidade. Isto, alertou, tamén "vai afectar á xeración do 'baby boom'", curiosamente aquela que "durante 35 ou 40 anos estivo a soster o sistema de pensións" e que agora "vai ter que ser penalizada ou traballando máis ou perdendo contías na súa prestación".

"Parécenos inxusto e o BNG vai traballar para que isto non sexa así. Que este Goberno se dedique a recortes ás pensións entendo que é unha profunda decepción para todas as persoas que nalgún momento confiaron en que este goberno ía facer políticas diferentes ao PP", concluíu Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, en rolda de prensa.. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, en rolda de prensa.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Peaxes de Infarto AP9, Factura Eléctrica, IMV sen tramitar, Servizos Ferroviarios Suspendidos, Atención Sanitaria Telefónica... Pensións a cargo dos Orzamentos (Declaración da Renda de Infarto en 2024 correspondente ao ano 2023 Eleccións) ... Pero Nestor Rego e a UPG seguirá apoiando a Carmela Silva en Pontevedra e a Pedro Sánchez en Madrid ! Por certo que no debate sobre Indultos e demáis o Presidente sin siquera nomeou a Galicia en ninguha das súas intervencións: somos unha nación invisible para o Estado !