O BNG reclamará un permiso de maternidade de 32 semanas para familias monomarentais ou monoparentais

Ana Pontón censura a "discriminación e o agravio" que padecen as familias monoparentais, que "dispoñen da metade de tempo para o coidado dos seus fillos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2021 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O BNG censurou a "discriminación e agravio" que padecen as familias monoparentais, compostas en "un 80% dos casos" por unha muller, e que ven reducido "á metade" o tempo da súa baixa para o coidado dos seus fillos e fillas recentemente nados.

Este luns, nunha rolda de prensa celebrada na Cámara autonómica, a líder frontista, Ana Pontón, reclamou que estas familias integradas unicamente por unha persoa que na maior parte dos casos é muller gocen dun permiso de maternidade de 32 semanas.

"Non ten ningunha lóxica que as familias con dous proxenitores teñan dereito a 32 semanas de permiso retribuído para coidar aos fillos e fillas, mentres que as familias monomarentais ou monoparentais son penalizadas e dispoñen da metade de tempo para o coidado dos seus fillos nun momento vital para os nenos e as nenas", incidiu Pontón.

Para o Bloque, trátase dunha "discriminación" que incumbe a "os dereitos fundamentais" das mulleres traballadores pero que tamén repercute nos nenos, "que ven privados dun tempo de crianza coa súa nai ou pai".

A reclamación de que se amplíe o permiso ata as 32 semanas será levada polo BNG tanto á Cámara autonómica como ao Congreso, onde presentarán senllas iniciativas para cambiar o marco normativo de face a recoñecer o dereito destes núcleos familiares a non verse "prexudicados" polo feito de só contar cun proxenitor.

Así, os nacionalistas demandarán a modificación, por unha banda, do artigo 48 do Estatuto dos Traballadores e, por outro, reclamará á Xunta que cambie o decreto de igualdade para ampliar ata as 32 semanas este dereito.

O obxectivo, como explicou Pontón, é que estas familias "teñan o mesmo tempo de baixa" que os núcleos biparentais. "Noutras palabras, que poidan utilizar as semanas que corresponderían á outra persoa proxenitora en caso de habela, e que poidan utilizar ese tempo de maneira ininterrompida ou ben por períodos semanais dentro dos doce primeiros meses de crianza", indicou Pontón.

Todo iso para contar cun marco normativo que evite que as nais e pais que queren reclamar este dereito teñan que recorrer aos tribunais, que xa emitiron varias sentenzas que recoñecen esta posibilidade.

"No caso de Galicia, ademais de ser unha cuestión de igualdade e de xustiza, hai que ter en conta o dramático problema demográfico que padecemos, cunha poboación moi envellecida, polo que debería ser unha prioridade de goberno avanzar en dereitos e en apoio ás familias que queiran ter fillos e fillas", aseverou Ana Pontón.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón / BNG. / Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón / BNG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta