Tres artistas galegas obteñen as bolsas para o Art Institute FHNW de Basilea

Son as ferrolás Noa e Lara Castro (Ferrol, 1998) e a Paula Santomé (Nigrán, 1994), as tres acceden á Bolsa de Formación Artística FMJJ que permite cursar o Máster en Belas Artes do Art Institute FHNW de Basilea, Suíza.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2021 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

A Fundación María José Jove (FMJJ) outorga ás ferrolás Noa e Lara Castro (Ferrol, 1998) e a Paula Santomé (Nigrán, 1994) a Bolsa de Formación Artística FMJJ que permite cursar o Máster en Belas Artes do Art Institute FHNW de Basilea.

De maneira excepcional e dentro do seu compromiso de apoio á creación artística, a entidade decidiu conceder dúas bolsas. En ambos os casos, as candidatas cumpriron os requisitos e superaron as probas de admisión requiridas polo Art Institute FHNW pertencente á Universidade de Artes e Ciencias Aplicadas do Noroeste de Suíza.

Noa e Lara Castro son graduadas en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Máster en Produción e Investigación en Arte pola Universidade de Granada. Pola súa banda, Paula Santomé é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Máster de Investigación e Creación en Arte, pola UPV - EHU de Bilbao.

Dotada cada bolsa con 20.000 euros, con ela a Fundación María José Jove quere contribuír á formación no estranxeiro de artistas nados en Galicia; incentivar a produción visual, promover o establecemento de redes de apoio e canles de difusión dos artistas galegos, así como fomentar as prácticas artísticas nos seus contextos sociais e facilitar o desenvolvemento de futuro, traballando en novos enfoques e métodos.

O Máster of Arts FHNW en Belas Artes aborda ao longo de dous anos un exame en profundidade da práctica artística dos estudantes e preséntase en forma de seminarios, simposios e talleres. É o único operativo nestes momentos en Europa cun currículo especializado en xénero, natureza e xustiza social.

O Art Institute FHNW, dirixido por Chus Martínez, ten como misión educar e capacitar a unha futura xeración de artistas e deseñadores competentes e independentes. O centro enténdese a si mesmo como un catalizador da cultura e a política, así como un sismógrafo deseñado para identificar, delinear e definir os campos socialmente máis relevantes na arte, o deseño e a ciencia, tanto desde a teoría como desde a práctica.

As ferrolás Noa e Lara Castro e a viguesa Paula Santomé obteñen as bolsas. FUNDACIÓN MARÍA JOSÉ JOVE
As ferrolás Noa e Lara Castro e a viguesa Paula Santomé obteñen as bolsas. FUNDACIÓN MARÍA JOSÉ JOVE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta