O xerente da área de Ourense avisa de que "a circulación do coronavirus é un risco adicional para que poida mutar"

Alerta de que "unha mutación do virus a maiores niveis de gravidade pode entrañar un enorme risco" e apela ao "sentidiño".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 06/07/2021 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

O xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, analizou a situación da pandemia na provincia de Ourense para advertir de que "a circulación do virus é un risco adicional para que poida mutar".

Félix Rubial, xerente da EOXI de Ourense
Félix Rubial, xerente da EOXI de Ourense | Fonte: Youtube.

Rubial puxo de manifesto os datos recollidos ata a data para explicar que son 336 infeccións activas as que hai en toda a provincia, o que supón que "en 10 días duplicáronse os casos". Os 336 atópanse maioritariamente na capital da provincia, onde hai 194, o que representa o 60%. Ademais, Rubial apuntou ao Concello de Ribadavia que xa suma 20 e ao Concello de Barbadás con 18.

En canto ao perfil das persoas contaxiadas confirmou que seguen a liña das últimas datas, as persoas novas menores de 30 anos superan o 50% dos casos. Con todo, destacou que esta tipoloxía de casos activos ten un impacto asistencial "pequeno" por tratarse de persoas que, "en xeral están sas e sen factores de risco, polo que pasan o contaxio asintomáticos ou con poucas sintomatoloxía".

Así, afirmou que non se xerou un aumento de ingresos, que se mantén en catro persoas e sen pacientes na unidade de coidados intensivos.

Pero advertiu de que o aumento do número dos casos "ten dúas repercusións fundamentais". Por unha banda, que hai poboación aínda susceptible ao non estar inmunizada e, por tanto, "os contaxios de persoas novas non son un risco despreciable, porque poden transmitilo a persoas vulnerables".

"Epidemioloxicamente, o feito de que o virus circule é un risco adicional para que poida mutar e unha mutación do virus a maiores niveis de gravidade pode entrañar un enorme risco que non debemos permitirnos", alertou, por outra banda, o xerente da área sanitaria ourensá.

PRUDENCIA

Deste xeito, Félix Rubial fixo un chamamento á prudencia, "ao sentidiño, a recuperar as medidas de distancia que funcionaron cando foron precisas e a non deixarnos levar". "Neste momento, no que gozamos de menos restricións, hai que seguir mantendo na nosa cabeza que o virus continúa presente", subliñou Rubial.

Si se mostrou satisfeito co ritmo de vacinación na provincia destacando que ten unha alta adherencia na poboación con case 170.000 persoas coa pauta completa, pero advertiu de que aínda hai poboación susceptible de ser vacinada e que "non nos podemos afogar a poucos metros da costa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta