Galicia viviu un xuño lixeiramente frío e no que choveu o dobre do habitual

O mes estivo marcado por treboadas e choivas na segunda quincena.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/07/2021 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

Galicia viviu un mes de xuño lixeiramente frío e moi húmido, debido sobre todo a unha segunda quincena marcada polos episodios de carácter treboento e as choivas persistentes. O avance do informe climatolóxico de Meteogalicia conclúe, ademais, que neste período as precipitacións rexistradas duplicaron os valores habituais e previsibles para esta época do ano.

Persoas na praia nun día anubrado
Persoas na praia nun día anubrado | Fonte: Europa Press.

A anomalía pluviométrica, de feito, foi a principal característica de xuño, que climatoloxicamente non adoita ser moi chuvioso e, con todo, este ano pechouse no conxunto dde Galicia cun 102 por cento de precipitacións máis do esperado.

A explicación a estes datos hai que buscala nas dúas metades diferenciadas que presentou o mes, cunha primeira quincena de predominio das altas presións e presenza de aire cálido en superficie e, as dúas últimas semanas, nas que a proximidade dunha borrasca con episodios puntuais de choivas moi cuantiosas explican que a precipitación total acumulada en todo o mes estivese moi por enriba do habitual.

En todo caso, e tendo en conta o período de referencia 1981-2010, o comportamento do pasado xuño ten o precedente recente de 2018, cando a anomalía pluviométrica neste mes foi dun 108 por cento superior á media histórica.

Así mesmo, e aínda que en xeral xuño foi un período húmido en Galicia, as maiores concentracións de choiva déronse na metade septententrional e nas comarcas dos Ancares e Xallas, con valores por enriba dos 200 litros por metro cadrado, é dicir, case o dobre que a precipitación media acumulada no conxunto de Galicia (109 L/m2). Pola contra, os valores máis baixos concentráronse sobre todo no Baixo Miño, en que quedaron preto dos 23 litros por metro cadrado.

TERMÓMETROS BAIXOS

Na análise das temperaturas, o informe mensual de Meteogalicia conclúese que foi un período lixeiramente frío, tendo en conta que a anomalía media da temperatura foi de apenas 0,38 graos menos con respecto aos valores do período de referencia.

A pesar de que os termómetros alcanzaron valores próximos aos que se poden considerar normais, é preciso subliñar tamén que o mes presentou unha variabilidade "importante".

Durante as dúas primeiras semanas, predominou a calor e o tempo anticiclónico, o que fixo que as temperaturas se situasen por enriba dos valores históricos, pero a medida que avanzou o mes, a inestabilidade foi revertendo esta situación.

De feito, os episodios de aire frío detectados a partir do 17 de xuño anularon as anomalías positivas da primeira quincena, de forma que xuño, no seu conxunto, acabou con medias por baixo ao habitual.

Por zonas, en moitas localidades galegas o mes foi mesmo frío, destacando o leste da provincia de Lugo, a comarca da Coruña, as mesetas e gran parte da provincia de Ourense.

A excepción foi a comarca de Verín, que viviu un mes cálido, cunha temperatura media de 1,1 graos por encima da habitual nesta zona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta