Convocados 450 mozos de Ribadavia a un cribado ao multiplicarse por sete os casos de covid-19

Será convocadas persoas de entre 16 e 30 anos.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 06/07/2021 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco convocará este xoves a uns 450 veciños do concello de Ribadavia de entre 16 e 30 anos a un cribado selectivo aleatorio para detectar casos positivos de Covid-19 asintomáticos, co obxectivo de frear os contaxios, despois de que esta localidade multiplicase case por sete o seu número de infeccións activas na última semana.

Unha muller sométese a un test de antíxenos nun dispositivo de cribado masivo na Coruña
Unha muller sométese a un test de antíxenos nun dispositivo de cribado masivo na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Segundo informou a área sanitaria ourensá, o cribado, mediante a recollida de mostras nasofarínxeas para PCR, terá lugar entre as 16,00 e as 19,00 horas deste xoves no edificio Alameda.

As persoas seleccionadas serán convocadas vía SMS e, lembra a área sanitaria, tamén poderán comprobar a cota na app --de descarga gratuíta-- Sergas Móbil ou na web do Sergas na aplicación de Atención Primaria.

Esta área conta con 336 casos activos a día de hoxe, deles 194 no concello de Ourense -que concentra o 60% dos activos- e rexistra un aumento do 50% desde hai unha semana. Pola súa banda, Ribadavia multiplicou "case por sete" as infeccións activas, ao pasar de tres a 20 desde o pasado martes.

Ademais de Ourense e Ribadavia, a área sanitaria ourensá apunta que "preocupa" tamén Barbadás, con 18 casos e "unha progresión similar", engade.

PERFIL DE PACIENTES

En canto ao perfil dos pacientes con covid-19, sinalou que, como nos últimos días, o 50 por cento trátase de xente nova de entre 16 e 30 anos, que pasan a enfermidade "sen complicacións en casa", o 99% deles, "sen necesidade de ingreso", destaca.

Na actualidade, soamente catro persoas permanecen hospitalizadas na área sanitaria ourensá e as unidades de críticos están libres de covid-19.

Esta área sanitaria indica que a proba "será voluntaria", pero lembra a todos os convocados a "importancia da súa participación" xa que, de estar contaxiado sen síntomas ou se estes pasan inadvertidos, pódese "contribuír á extensión dos contaxios".

Por iso, anima a todas as persoas convocadas a participar neste cribado, "respectando as instrucións en canto a horarios e medidas de protección". As autoridades sanitarias piden que non se acuda en caso de non estar citado, atoparse en illamento por diagnóstico positivo, estar en corentena por ser contacto estreito dun positivo, ter cita para unha PCR ou estar á espera do resultado desta proba.

Con todo, lembra a área ourensá que se trata de facer probas a persoas "sas e sen síntomas", co fin de "obter unha imaxe real da situación epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta