O Concello da Coruña comprométese a tomar medidas contra a LGTBIfobia na cidade

O Pleno do Concello vén de aprobar por unanimidade unha declaración institucional rexeitando calquera forma de LGTBIfobia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2021 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

O Pleno do Concello da Coruña aprobou, por unanimidade, unha declaración institucional, proposta por Marea Atlántica, na que se rexeita calquera forma de LGTBIfobia e mostra o seu compromiso para tomar as medidas necesarias no ámbito municipal.

"Cúmprense 43 anos da despenalización da homosexualidade no Estado español e 16 da aprobación da Lei de Matrimonio Homosexual. Camiñamos cara á igualdade, pero a actualidade está a pór en evidencia o moito que queda por camiñar e o fráxiles que poden ser as conquistas que non se defenden", comeza a declaración.

O documento sinala que "A Coruña é unha cidade aberta, tolerante e que se sitúa pola defensa dos dereitos universais e concretamente do colectivo LGTBIQ". "Pero por desgraza estamos a comprobar séguense producindo agresións intolerables e discriminación por motivos de identidade sexual", agrega. A declaración lamenta que "os discursos de odio, violencia e desprezo á diversidade están a atopar os seus altofalantes en España".

Tamén lembra a situación en países como Hungría, "que están a perseguir a persoas LGTBIQ e aprobando leis que atacan á diversidade sexual". Igualmente, denúnciase que "a homosexualidade está penada coa morte en decenas de países".

INCIDENTES HOMÓFOBOS

Esta declaración atende aos incidentes homófobos ocorridos na cidade nas últimas semanas. Marcos e Alexander, un matrimonio homosexual que estaba de visita na cidade, foron agredidos por un home cunha porra a madrugada do 27 de xuño mentres volvían a casa. Na tarde do pasado sábado, unha veciña denunciaba que dous homes tentaron queimar a bandeira LGTBI que colgaba do edificio do Comité Antisida da Coruña.

A principios desta semana, o Instituto Xosé Neira Vilas de Oleiros denunciou a aparición de pintadas homófobas nun mural realizado no centro, con mensaxes como "Agustín marica" e "Maricón morto, abono para o meu horto". Barállase que esta última mensaxe que apareceu sobre o mural poida facer referencia ao crime de Samuel Luiz, o mozo que recibiu unha malleira mortal na Coruña na madrugada do domingo.

Aínda que a investigación segue o seu curso e non se descarta ningunha das vías, as amigas que presenciaron a agresión confirmaron que Samuel foi agredido ao berro de "maricón de merda".

Varias persoas observan o altar colocado na beirarrúa onde foi golpeado Samuel, o mozo asasinado na Coruña o pasado sábado 3 de xullo, a 6 de xullo de 2021, na Coruña, Galicia, (España). Familiares, amigos, e veciños organizaron este altar com. M. Dylan - Europa Press
Varias persoas observan o altar colocado na beirarrúa onde foi golpeado Samuel, o mozo asasinado na Coruña o pasado sábado 3 de xullo, a 6 de xullo de 2021, na Coruña, Galicia, (España). Familiares, amigos, e veciños organizaron este altar com. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta