A Xunta alega fronte ao recurso de inconstitucionalidade de Vox contra a lei de saúde galega

Feijóo defende a norma e reproba que Vox e o Goberno que dirixe Pedro Sánchez "coincidan" no seu rexeitamento á mesma.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/07/2021 | Actualizada ás 20:33

Comparte esta noticia

O Goberno galego acordou, na súa reunión semanal, presentarse fronte ao recurso de inconstitucionalidade presentado por Vox contra a lei de galega de saúde e presentar alegacións ao entender procedente unha norma legal para regular as medidas sanitarias por mor da pandemia e entender que non vulnera as competencias estatais.

O presidente de Vox, Santiago Abascal.
O presidente de Vox, Santiago Abascal. | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press.

Con este acordo do Consello da Xunta, a Asesoría Xurídica procederá a presentarse coas súas alegacións contra o recurso, en palabras do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, "promovido por 50 deputados" do grupo parlamentario Vox no Congreso en relación co artigo único, número cinco da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, na redacción que dá ao número 2 do artigo da Lei 8/2008.

O recurso cuestiona o artigo, principalmente, porque, baixo o punto de vista da formación, contravén a regulación do estado de alarma, as competencias estatais en materia de sanidade, a reserva da lei orgánica e a vulneración dos artigos 15, 17, 19 e 21 da Constitución española, así como por entender que acomete unha reprodución non permitida das normas estatais.

En fronte, o Goberno galego entende que era procedente que unha norma legal regulase as medidas sanitarias, outorgando seguridade xurídica e dentro do marco "permitido" pola lei orgánica estatal que regula a cuestión.

Así, a Xunta sostén que a lei galega non vulnera as competencias estatais nin a Constitución porque o artigo impugnado "non fai senón concretar as medidas que, partindo do recollido na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e común, poden adoptarse polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública e en perfecta sintonía coas competencias estatais na materia".

Nese sentido, "o que denota é a lealdade da lei galega co ordenamento estatal", sostén a Xunta.

"COINCIDENCIA" DE VOX E O GOBERNO DE SÁNCHEZ

Feijóo reafirmouse en que, igual que sucedeu co recurso do Goberno central, a Xunta defenderá a lei galega. En todo caso, co Executivo estatal abriuse un proceso de negociación e o presidente autonómico confía en que sexa posible un acordo interpretativo que evite que a guerra xudicial vaia máis aló.

En todo caso, incidiu en que Vox e o Goberno que dirixe o socialista Pedro Sánchez "coinciden" no seu rexeitamento a unha norma que, concluíu, o Executivo autonómico vai defender porque "defende a autonomía" galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta