A Deputación de Ourense creará unha "bolsa" de secretarios-interventores para cooperar na xestión local

Convoca as bolsas "Erasmus Rural Interreg", un proxecto piloto que se enmarca no programa transfronteirizo Raia Termal.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/07/2021 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense creará unha "bolsa" de secretarios-interventores interinos como mecanismo para cooperar cos concellos na xestión do día a día municipal e "paliar, na medida do posible, a escaseza de funcionarios da administración local con habilitación de carácter nacional", segundo subliña o presidente provincial, Manuel Baltar.

Con este obxectivo, a institución provincial realiza estes días o proceso de selección de secretarios-interventores interinos, tras convocar, en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, o proceso selectivo para a provisión, mediante nomeamento interino, de postos da subescala de Secretaría-Intervención dos municipios da provincia de Ourense. Nos próximos días finalizará o prazo para tramitar a solicitude de adhesión a esta iniciativa.

BOLSAS

Por outra banda, a Deputación de Ourense convoca as bolsas "Erasmus Rural Interreg", un proxecto piloto que se enmarca no programa transfronteirizo Raia Termal. Cunha dotación de 28.000 euros, o programa oferta 20 bolsas individuais de 1.200 euros para un período de prácticas profesionais de 150 horas, na área xeográfica conformada polos municipios ourensáns de Lobios, Bande, Muíños e Cortegada, e Terras do Bouro e Melgaço en Portugal.

Lembra Baltar que a Deputación de Ourense puxo en marcha unha estratexia de captación de fondos europeos para o período 2021-2027, por un importe superior aos 85 millóns de euros, para diferentes ámbitos, como o reto demográfico.

Para optar ás bolsas, a convocatoria establece como requisitos ter un título universitario ou en Formación Profesional, ser menor de 35 anos, desempregado e rexistrado no servizo público de emprego e estar empadroado na provincia de Ourense ou nalgún municipio de Terras de Bouro ou Melgaço.

As solicitudes, cuxo modelo está dispoñible na web da deputación, poderán presentarse no rexistro xeral da institución provincial ata o próximo 12 de xullo. Está prevista a resolución do proceso ao redor de mediados de mes.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.. DEPUTACIÓN DE OURENSE
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.. DEPUTACIÓN DE OURENSE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta